Publicador de contidos
Publicador de contidos

Docentes de linguas estranxeiras comparten experiencias sobre o ensino plurilingüe

Docentes de linguas estranxeiras comparten experiencias sobre o ensino plurilingüe

En Galicia hai 500 centros educativos plurilingües

Os docentes consideran fundamental a colaboración dos auxiliares de conversa

Xornadas de Linguas Estranxeiras para docentes impartidas na Cidade da Cultura
G24.gal 25/03/2023 14:21 Última actualización 25/03/2023 15:22

Máis de 300 docentes participan este sábado nunha xornada formativa da consellería de Educación para compartir experiencias no ámbito do ensino plurilingüe. O número de seccións bilingües en centros educativos este curso chega ás 5.000.

Profesorado de linguas estranxeiras, fundamentalmente, participa nesta xornada, onde se deron a coñecer técnicas e ferramentas de traballo para implicar o alumnado desde os primeiros anos na adquisición dunha terceira lingua.

Modesto Corderí é profesor de chinés e nestas xornadas imparte un obradoiro de teatro aplicado á aula de idiomas.

"Eu creo que os idiomas son portas abertas a unha nova cultura, unha nova maneira de pensar. Idiomas significa traballo, poder viaxar a outro país, coñecer xente e o que digo, se por exemplo estudas chinés, coa potencia que é a China, terás moitas máis opcións que se non sabes idiomas. Por iso creo que os idiomas deberan estar dunha maneira transversal". 

Fernanda Constantino é profesora de inglés en primaria e coordina as seccións bilingües do seu centro.

"Temos unha hora á semana que impartimos a materia de plástica en inglés. Temos a axuda dun auxiliar de conversa, no noso caso unha persoa da India que leva con nós dous anos. É un recurso humano moi necesario no noso centro". 

Durante este curso hai 630 auxiliares de conversa, a maioría de lingua inglesa. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, insistiu en que é unha formación elemental para o alumnado de cara ao seu futuro profesional. 

"Unha aposta fundamental entendemos, non só para incrementar a diversidade e o coñecemento doutras culturas, senón tamén para dar oportunidades aos alumnos e ao conxunto de Galicia, xa que o dominio de idiomas é básico para mellorar a competitividade dunha sociedade". 

Galicia conta con 500 centros co modelo plurilingüe nas etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato ademais de ciclos de Formación Profesional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade