Don Xoán Carlos volve a vindeira semana a Sanxenxo, na súa segunda visita a España
Don Xoán Carlos volve a vindeira semana a Sanxenxo, na súa segunda visita a España
Volverá a Galicia para reencontrarse cos seus amigos de regatas despois de facer unha breve visita a Londres
O rei Xoán Carlos ten previsto viaxar a Sanxenxo a próxima semana para reencontrarse cos seus amigos de regatas despois de facer unha breve visita a Londres, onde Carlos III o convidou a un xantar privado previo á súa coroación en maio.
O rei honorífico planea chegar a Sanxenxo o día 19 e regresar a Abu Dhabi o domingo, día 23, ao termo da regata da Copa de España da clase 6m que organiza o club náutico da localidade pontevedresa e na que participa o seu barco, o Bribón.
É previsible que volva aloxarse na casa do seu amigo Pedro Campos, patrón do Bribón. E que mesmo navegue, se o tempo acompaña. Quere adestrar cos seus compañeiros de barco antes de participar no Campionato do Mundo que se vai celebrar en setembro no Reino Unido.
O alcalde de Sanxenxo Telmo Martín avaliaba a noticia: "Sabendo que vivimos do turismo. A nosa economía está baseada nun 75 por cento no turismo. Ter o rei aquí cada vez que ven é unha sorte, é como se nos tocase a lotería".
Trátase da segunda visita a España desde que marchou vivir a Abu Dhabi, nos Emiratos Árabes Unidos, en agosto de 2020 polo escándalo dos seus negocios irregulares no estranxeiro. Unha investigación que foi arquivada pola Fiscalía do Tribunal Supremo en maio do ano pasado.
Na súa primeira viaxe en maio de 2022, que estivo rodeado dunha grande expectación mediática, o que molestou ao Goberno. Hostaleiros e comerciantes aínda lembran a repercusión que tivo a visita de hai un ano e agardan un cheo semellante.
O presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez, di que "ao final iso loxicamente crea consumo e cre movemento. Nós o que queremos e que a xente goce e que dalgún xeito se normalizase porque, de verdade, o rei xa viña antes".
Unha visita adiantada
Don Xoán Carlos, de 85 anos, barallara viaxar a Sanxenxo na terceira semana de maio, con motivo doutra regata programada nesas datas, pero para “non interferir” na campaña das eleccións municipais e autonómicas, previstas o día 28 dese mes mudou de semana.
O pai de Filipe VI ten en mente participar no campionato do mundo da clase 6m que vai ter lugar no Reino Unido do 31 de agosto ao 8 de setembro deste ano, polo que pretende facer algúns adestramentos previos cos seus compañeiros de barco.
A Casa do Rei non quixo pronunciarse sobre os novos plans de viaxe a España de don Xoán Carlos, ao alegar que se trata dunha viaxe de ámbito privado.
Barallábase que rei honorífico volvese coincidir cos reis Filipe e Letizia e a raíña Sofía nos actos da coroación de Carlos III os días 5 e 6 de maio en Londres, aínda que a listaxe de invitados non foi confirmado polo Palacio de Buckingham.
Os catro participaron no funeral de Isabel II o pasado mes de setembro e volveron coincidir con motivo do falecemento de Constantino de Grecia, irmán de dona Sofía, a mediados de xaneiro deste ano.
Rueda asegura que Galicia acollerá a don Xoán Carlos "cos brazos abertos"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que Galicia acollerá a don Xoán Carlos "cos brazos abertos" cando viaxe a Sanxenxo a próxima semana para asistir á regata da Copa de España.
"Gústanos que estea alí, é bo para a promoción turística de Sanxenxo e de Galicia, polo tanto acollerémolo cos brazos abertos", asegurou Rueda.
O presidente galego dixo que na súa última visita a Galicia, o pasado mes de maio, "en xeral e por abafadora maioría, o pobo galego amosoulle o seu agarimo".