Xoán Carlos I recibe a medalla de ouro que outorga a Federación Galega de Vela
Xoán Carlos I recibe a medalla de ouro que outorga a Federación Galega de Vela
É a primeira medalla de ouro que concede da súa historia
A novena Regata Xoán Carlos I entregou estatuíñas e medallas para nove categorías do deporte da vela. Pero as miradas, do público e dos medios estaban postas na división 6M, na que gañou o Bribón con seis puntos sobre o segundo clasificado.
Ademais, o conselleiro do mar, Alfonso Villares, entregou os premios do Trofeo Presidente da Xunta.
Xoán Carlos I navegou só o sábado e conta a súa tripulación que desfrutou dos sete nós do noroeste despois dun comezo de regata sen vento.
O evento deste domingo, co rei emérito sobre o escenario toda a cerimonia, comezou cun minuto de silencio polos dous falecidos en accidente de tráfico no lugar de Foxán, a noite anterior.
Despois, a Real Federación Galega de Vela entregoulle ao Borbón a primeira medalla de ouro da súa historia en agradecemento polo seu amor ao mar e ao deporte da vela e por navegar baixo grímpola galega. Porque este Bribón, o número 17, é o segundo no que ondea a grímpola do R.C.Náutico de Sanxenxo.
Despois de sete días en Galicia o rei emérito deixouse ver en primeiro plano. Desde a súa chegada a Peinador o luns só o viramos fugazmente de copiloto do seu anfitrión Pedro Campos e nos pantaláns do club saudando á súa tripulación.
Catorce visitas a Sanxenxo
O 15 de novembro, case con toda seguridade Xoán Carlos I volverá a Galicia para disputar a Liga española de 6M. De ser así esa será a súa vez número catorce en Sanxenxo.
A primeira fora en maio de 2022, a primeira visita a España despois de dous anos en Abu Dhabi. Neste 2024 veu sete veces. Xoán Carlos I estará en Sanxenxo ata o 7 de outubro para disputar o campionato de Europa da súa clase.