Publicador de contidos
Publicador de contidos

Expulsado do Poio o xogador que agrediu o delegado do Cotobade nun partido de Terceira Futgal

Expulsado do Poio o xogador que agrediu o delegado do Cotobade nun partido de Terceira Futgal

A liorta comezou cando unha aficionada entrou no campo e o seu marido deu unha labazada ao porteiro suplente do CED Cotobade

Ambos os dous equipos condenaron uns actos violentos que cualificaron de intolerables

As Extremas, campo de fútbol en Cotobade
G24.gal 05/11/2024 15:57

Brutal agresión no partido de terceira rexional que disputaron o Cotobade e o Poio. Un xogador non convocado do equipo visitante invadiu o campo e propinoulle un puñazo ao delegado do Cotobade, que tivo que ser trasladado a un hospital. O agresor xa foi expulsado do seu club, que condenou os feitos.

Sucedeu no campo das Extremas, en Cotobade. A piques de rematar o encontro de Terceira Futgal que enfrontaba o equipo local contra o Poio comezou unha liorta na bancada que acabou no campo de xogo

Óscar Pinto, presidente do CED Cotobade, conta o acontecido: "No minuto 89 unha señora do Poio empezou a increpar un pouco o publico na bancada. O noso porteiro suplente aplaudiulle desde o terreo de xogo porque miraba que a señora se estaba equivocando. Ela entra no terreo de xogo e o marido proporciónalle unha labazada ao noso porteiro suplente".

O presidente explicou que a continuación "o seu delegado intenta parar un pouco a avalancha deses afeccionados dentro do campo" e entón "proporciónanlle co puño pechado un golpe en toda a cara".

O delegado tivo que ser trasladado a un centro hospitalario e o Cotobade presentou denuncia dos feitos ante a Garda Civil. Dáse a circunstancia de que o agresor era un xogador do Poio non convocado no partido e que estaba na bancada.

Ao día seguinte, o presidente do Cotobade recibiu unha chamada do Poio na que lle pediron desculpas e lle informaron de que o xogador ía ser expulsado do club.

Os dous equipos condenaron enerxicamente uns actos violentos que cualificaron de intolerables. Nun comunicado o Poio confirmou a expulsión do seu xogador e púxose a disposición do Cotobade e da persoa agredida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade