Publicador de contidos
Publicador de contidos

Agriden o avó dun árbitro nun partido de balonmán cadete en Sanxenxo

Agriden o avó dun árbitro nun partido de balonmán cadete en Sanxenxo

O pai dunha xogadora empurrou o home, que quedou ferido de gravidade tras caer e golpear a cabeza contra o chan

A Xunta de Galicia convocou de urxencia a Comisión Galega de Control da Violencia co obxectivo de depurar responsabilidades

G24.gal 16/12/2024 13:16

Un home de 68 anos foi brutalmente agredido durante un partido de balonmán feminino cadete onte en Sanxenxo. O pai dunha xogadora discutiu con el e este empurrouno polas bancadas, o que fixo que golpeara fortemente na cabeza. Esta hospitalizado en estado grave.

Os feitos producíanse no interior do pavillón de Vilalonga de Sanxenxo. Enfrontábanse os equipos femininos cadetes dos clubs Rasoeiro do Grove, que exercía de visitante, e o Balonmán Sanxenxo de local. Nun momento puntual o árbitro, de tan só 15 anos, sinalaba un penalti contra os grovenses e o pai dunha xogadora local increpouno.

O seu avó, que estaba alí, chamoulle a atención por ese comportamento fóra de lugar. O home, duns 40 anos, que é reincidente neste tipo de actitudes violentas, segundo varias fontes consultadas, empurrouno e propiciou que se golpeara na cabeza perdendo o coñecemento.

O agresor foi identificado e denunciado ante a Garda Civil, mentres a vítima esta hospitalizada no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo en estado grave cun traumatismo cranioencefálico e un coágulo cerebral. Os clubs e a Federación condenaron rotundamente os feitos e solidarizáronse coa vítima.

A Xunta de Galicia convocou tamén hoxe de urxencia a Comisión Galega de Control da Violencia co obxectivo de depurar responsabilidades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade