Publicador de contidos
Publicador de contidos

O balonmán galego, sen público ata o 18 de xaneiro

Reunión da Comisión Galega de Control da Violencia para estimar medidas (DEPORTE-XUNTA DE GALICIA) Reunión da Comisión Galega de Control da Violencia para estimar medidas (DEPORTE-XUNTA DE GALICIA)
G24.gal 18/12/2024 10:30

A Federación Galega de Balonmán, xunto cos clubs e o colectivo arbitral, decidiu, tras a agresión desta fin de semana dun pai dunha xogadora de categoría cadete feminina ao avó dun árbitro, que todos os encontros oficiais que se celebren ata o 18 de xaneiro de 2025 se disputen sen presenza de público.

Segundo informou a Federación, varios clubs galegos de categoría nacional xa mostraron a súa intención de apoiar esta iniciativa, que busca sensibilizar toda a masa social "da responsabilidade conxunta" e da "importancia de actuar en bloque contra unha secuela que aumentou de maneira preocupante nos últimos anos".

A decisión de xogar a porta pechada tamén trata de "provocar unha reacción nas institucións competentes para que se cre un regulamento contundente" que ampare a todos os estamentos do balonmán ante situacións "tan preocupantes e perigosas" como a que se viviu o domingo en Sanxenxo.

"Non queremos que a seguridade no noso deporte sexa un problema; non queremos que se normalicen os insultos; as protestas ou as agresións; non queremos que ninguén teña que expoñer a súa integridade física para evitar sucesos tan preocupantes como o ocorrido; non queremos ter que educar persoas adultas; non queremos ter que esixir sentido común e respecto. Tan só buscamos a formación e goce dos nosos federados e federadas, e de todas esa xente que acode aos pavillóns consciente de que somos o exemplo para seguir para a nosa mocidade", afirma a Federación nun comunicado.

Así mesmo, o balonmán galego pide o apoio do balonmán nacional, de todas as institucións e afeccionados para que este suceso non se esqueza e supoña "o cambio tan necesario que todos" desexan para este deporte.

Este luns, a Comisión Galega de Control da Violencia acordou abrir un expediente sancionador contra o agresor por "infracción moi grave", que poderá chegar a supoñer ao presunto agresor unha multa de entre 60.001 e 650.000 euros e a realización de traballos sociais no ámbito deportivo, ademais de ter prohibida a entrada a calquera recinto deportivo nun período de entre dous e cinco anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade