A xuiza deixa en liberdade os dous detidos por mallar o dono dun bar de Aguete e a nai
Pediron un presuposto para un evento e mallaron no dono, a quen lle romperon varias costelas e á nai, que tamén acabou con varios ósos rotos
Están investigados por lesións, danos e roubo con violencia
A xuíza do Xulgado de Instrución número 1 de Marín, en funcións de garda, decretou a posta en liberdade dos dous detidos por mallar o dono dun bar en Aguete. A un deles impúxolle a prohibición de comunicarse e de aproximarse ás vítimas. Están investigados por lesións, danos e roubo con violencia.
Entraron no local en plena hora punta, coa escusa de contratar un evento... por iso, o propietario sentou con eles nunha mesa algo apartada, no comedor da planta baixa. Algo se torceu na negociación que os dous supostos clientes, segundo parece dous homes da zona de Ourense, arremeteron primeiro contra o dono e despois contra a nai, que saíu a defendelo.
Non foi un golpe froito dunha arroutada. Á muller rompéronlle os ósos das dúas mans e déronlle un golpe na cabeza; ao fillo, varias costelas.
Seica levaban tempo bebendo. Unha vez máis, o alcol, o temible inimigo dos hostaleiros.
"Achácano a que van bébedos e pasados de volta. Supostamente, beber alcol era de noite pero isto estase desmandando e xa empezamos pola tarde e chegará un momento no que sexa xa pola mañá", lamenta Rafael Rúa, presidente de Hoempo.
Os hostaleiros séntense no centro da diana.
"Mirámonos un pouco en fóra de xogo porque de cara, tanto ao público, como de cara á lei, a culpa témola os donos dos locais ou o persoal que traballa nos locais. Xa de primeiras, tes que probar que non es culpable", engade Rúa
Neste caso, a furia dos agresores superou as expectativas: provocaron danos no local e, cando chegou a policía, arremeteron contra eles. Contra os axentes e contra o coche patrulla. No exterior do restaurante aínda se poden ver os restos da ventá que lle romperon.
É dos poucos restos que quedan, porque 'Los 3 Monos' reabriu no horario habitual e case con normalidade, se non fora polo desacougo na cara dos empregados. O dono e a nai recupéranse na casa das lesións.
Os detidos pasarán este luns a disposición xudicial acusados dos delitos de lesións, resistencia, danos, furto e estafa porque, segundo parece, xa viñan de armala noutro bar do concello, onde pagaran cunha tarxeta roubada.