Dous ilustradores galegos compiten polo mellor mural do mundo en 2023
Dous ilustradores galegos compiten polo mellor mural do mundo en 2023
O lucense Manuel Pallín e a baionesa Lula Goce están nomeados por senllos traballos en Lugo e Nigrán, respectivamente
Tamén opta ao recoñecemento unha obra do madrileño Sfhir en Fene
As votacións están abertas en streetartcities.com ata o vindeiro 30 de xaneiro
O lucense Manuel Pallín e a baionesa Lula Goce son os autores de dúas das 50 obras que optan ao recoñecemento como mellor mural do mundo en 2023 pola plataforma web Street Art Cities, que localiza obras de arte urbana repartidas por todo o mapa.
Pallín, que asina como Yoe 33, rematou de pintar Copora nas vésperas da festa do Arde Lucus e a obra foi distinguida pola comunidade virtual como mellor mural do mes de xuño. A castrexa, sobre a que o seu autor se documentou no Museo Provincial de Lugo, pódese divisar desde o adarve da muralla, o mesmo miradoiro privilexiado desde o que se contempla o mural de Xulio César de Diego As que triunfou no mesmo certame en 2021 e que, desde entón, xa se converteu nun símbolo da cidade.
A outra aspirante galega a gañar o certame é a pintora Lula Goce coa peza Dona do Estuario, situada en Nigrán.
— Lula Goce (@lulagoce) January 1, 2024
A baionesa, prestixiosa muralista con obradoiro en Nigrán que recibe encargas desde todo o mundo, xa é unha vella coñecida destes galardóns.
Para esta creación empregou a intelixencia artificial co obxectivo de acadar unha faciana de muller entre a da actriz Penélope Cruz e outros rostros aleatorios. Rematouna o pasado mes de abril e dedicoulla a súa nai.
— Lula Goce (@lulagoce) April 27, 2023
Na mesma categoría que os de Pallín e Goce, compite o mural de Hugo Lomas, Sfhir, en Fene. A pintura, que representa unha muller tocando o violoncello, foi realizada durante a primeira edición do Perla Mural Fest, o pasado mes de agosto.
O mural agocha un curioso xogo de luces cando polas noites se acenden os fogares, dado que o mastro do instrumento é o patio interior do edificio, que consta de nove andares.
As votacións están abertas ao público ata o vindeiro 30 de xaneiro.