Draghi pide 800.000 millóns en investimentos para que a UE compita cos EUA e coa China
Draghi pide 800.000 millóns en investimentos para que a UE compita cos EUA e coa China
No informe O futuro da competitividade europea propón unha nova estratexia industrial europea centrada en potenciar o seu crecemento económico
A Unión Europea (UE) necesitará entre 750.000 e 800.000 millóns de euros en investimentos adicionais cada ano se quere aumentar a súa produtividade e competir na escena global cos Estados Unidos ou coa China, dixo o exprimeiro ministro italiano Mario Draghi.
Esta suma é o equivalente a entre o 4,4 % e o 4,7 % do PIB da UE en 2023 e supoñería investir máis do dobre do que o Plan Marshall destinou a reflotar a economía europea tras a II Guerra Mundial, segundo o informe O futuro da competitividade europea presentado este mércores por Draghi.
No documento, encargado pola Comisión Europea e presentado este luns, Draghi, expresidente do Banco Central Europeo, propón unha "nova estratexia industrial europea" centrada en que a UE potencie o seu crecemento económico.
O obxectivo é acometer unha tripla transformación da economía para pechar a brecha de innovación, sobre todo en tecnoloxía, abaratar os prezos da enerxía e aproveitar as oportunidades económicas da descarbonización, e tamén reducir as dependencias estratéxicas de terceiros e incrementar a defensa, pero preservando o modelo social europeo.
"As necesidades de investimento que isto supón son enormes", dixo Draghi nunha comparecencia de prensa xunto á presidenta do Executivo comunitario Ursula von der Leyen, ante quen defendeu que a UE afronta un "desafío existencial" que de non actuar se encamiña a "unha agonía lenta".
Cumprir con este obxectivo supoñería que a UE ten que aumentar a súa cota de investimentos desde o 22 % do PIB de hoxe ata o 27 % e reverter a tendencia das últimas décadas na maioría de grandes economías, que levou a unha "persistente" brecha cos Estados Unidos, segundo o documento.
Para cubrir estas necesidades, Draghi avoga por completar a unión de mercados de capitais europea para impulsar os investimentos privados, incluído a través de incentivos fiscais, pero advirte de que estas non poderán por si soas custear a tarefa e será necesario o apoio público.
Defendeu que a UE financie conxuntamente investimentos en bens comúns como as interconexións enerxéticas, innovacións punteiras ou adquisición de equipamento de defensa, e considerou que podería ser necesaria a emisión de débeda pública europea.
A emisión de "activos seguros comúns", dixo Draghi, podería seguir modelos xa existentes como o do fondo de recuperación poscovid Next Generation (NGEU), pero tería que estar acompañada de "salvagardas", entre elas unhas regras de disciplina fiscal máis fortes para asegurar que o aumento da débeda común europea vai acompañado por unhas sendas de débeda nacional máis sostibles.
"O uso dun activo seguro común ten un precedente ben establecido no NGEU. As circunstancias actuais son igualmente graves, aínda que menos dramáticas", di o informe.
Preguntada sobre se estaría a favor desta emisión de débeda común, que divide os países e algúns rexeitan de plano, Von der Leyen dixo: "Se definimos prioridades comúns, deben ter financiamento común".
Pero precisou que as dúas formas de financiamento son o orzamento da UE, que se nutre principalmente das contribucións dos Estados membros, e os recursos propios (que son fundamentalmente os dereitos de aduanas e parte da recadación do IVE).