Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dúas activistas climáticas botan sopa sobre o cristal do lenzo da Gioconda

Dúas activistas climáticas botan sopa sobre o cristal do lenzo da Gioconda

As dúas mulleres reivindicáronse como membros do grupo Riposte Alimentaire

A sala do Louvre que acolle a obra mestra de Leonardo da Vinci foi evacuada 

O momento en que as dúas mulleres lanzan o líquido de cor laranxa
G24.gal 28/01/2024 12:02 Última actualización 28/01/2024 13:57

Dúas activistas climáticas lanzaron botes de sopa este domingo sobre A Gioconda (do século XVI), a obra mestra de Leonardo da Vinci exposta no museo parisiense do Louvre. O lenzo orixinal está protexido por unha lámina de cristal instalada no 2005.

As dúas mulleres, filmadas durante a súa acción que durou case dous minutos reivindicándose como membros do grupo Riposte Alimentaire, lanzaron a sopa de cor laranxa e rapidamente pasaron por baixo das barreiras de madeira que rodean o cadro.

"Que é o máis importante? A arte ou o dereito a unha alimentación sa e duradeira? O noso sistema agrícola está enfermo", gritou unha das activistas en francés, mentres alzaba o puño.

Rapidamente, empregados do Louvre, o museo máis visitado do planeta, colocaron uns paneis negros para evitar que o público filmase a escena. A sala que acolle a obra mestra de da Vinci foi evacuada para iniciar as tarefas de limpeza.

A Gioconda, considerado o lenzo máis famoso do mundo, tamén coñecido como a Mona Lisa, foi recentemente obxecto doutro simbólico ataque cando en maio de 2022 lle lanzaron unha torta.

A acción deste domingo coincide coa revolta do agro francés, que desde hai días bloquean centos de quilómetros de estradas para reivindicar mellores salarios, menos normas ambientais e máis proteccionismo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade