Durmir, a mellor terapia contra a gripe
Durmir, a mellor terapia contra a gripe
O sistema inmunitario loita con máis intensidade contra a infección mentres descansamos
O difícil é conciliar o sono porque os síntomas empeoran pola noite
Se queren combater a gripe, o mellor que poden facer é durmir. Mentres descansamos as nosas defensas póñense a traballar con máis forza contra a infección.
"Iso de que o sono é reparador é moi certo porque todos os sistemas do corpo funcionan cunha especie de reloxo interno e a determinadas horas funcionan mellor ca outras. Está demostrado que o sistema inmunitario se activa máis pola noite", explica José Gómez Rial, xefe de Inmunoloxía do CHUS.
Pero canto máis precisamos ese sono, máis difícil é concilialo. Durmir con febre, tose ou conxestión nasal é unha misión complicada. Os síntomas da gripe empeoran pola noite, mesmo cando parecían estar controlados durante o día.
"Iso é así porque os mocos ou a febre son tamén consecuencia da actividade do noso sistema inmunitario e iso é incómodo e ás veces impide durmir. Hai que ter paciencia e tentar descansar", amplía o doutor Rial.
Paciencia, porque non hai receitas máxicas, pero si algúns consellos prácticos antes de meterse na cama.
"Paracetamol para baixar a febre e hidratarse moi ben para tentar diluír a mucosidade e previr o taponamento nas fosas nasais", aconsella o inmunólogo.
E, se aínda non a collemos, a recomendación é vacinarse para evitar complicacións e poder pasar a infección na casa coa fundamental axuda, iso si, dun sono reparador.