Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ecuador, en estado de excepción pola violencia nas rúas

Ecuador, en estado de excepción pola violencia nas rúas

Dez mortos e 70 detidos nos disturbios en Guayaquil e Quito

O presidente advirte: "Non negociaremos cos terroristas"

Antón Montero 10/01/2024 21:20 Última actualización 10/01/2024 21:29

O asalto este martes a esta emisora de televisión de Guayaquil foi só o comezo. O exército conseguiu deter os 13 asaltantes e rescatar todos os seus reféns con vida.

"Disparáronlle a un camarógrafo noso na perna, a outro rompéronlle o brazo", explicaba Jorge Rendón, director de El noticiero, o programa asaltado.

Pero era só o inicio do desafío da delincuencia organizada ao Estado. Unha cadea de atentados en Guayaquil e Quito provocou a morte de dez persoas, dúas delas policías.

"Dúas persoas aprehendidas intentando incinerar un bus, tres persoas que fuxiran do centro de privación de liberdade de Esmeraldas, temos tamén tres persoas presas en Atacames. No seu poder, atopáronse 15 bombas molotov", enumeraba Norman Cano, comandante da Policía de Ecuador. 

Outros tres axentes foron secuestrados e liberados pouco despois. A policía tamén capturou 17 dos presos fuxidos de varias das prisións ecuatorianas. O país está en estado de excepción.

Daniel Noboa, presidente de Ecuador, explicou: "O que vivimos é unha mostra de que as cousas deben cambiar no país e que as leis que temos non son abondo para vivir en paz. Nós non negociamos con terroristas".

A vaga de violencia estoupou tras a fuga de Adolfo Macías, alias Fito, cando ía ser trasladado a unha cadea de máxima seguridade. O líder dos Choneros, unha banda conectada cos cárteles mexicanos da droga, é agora mesmo o home máis buscado do país.

Outra vintena de organizacións delituosas están no punto de mira do exército. "A partir deste momento, todo gupo terrorista identificado no mencionado decreto converteuse nun obxectivo militar", advertía Jaime Vela, comandante das Forzas Armadas de Ecuador.

Tamén o veciño Perú decretou o estado de emerxencia nas cinco provincias limítrofes con Ecuador.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade