Xa están na casa en Galicia os traballadores que saíron ilesos dun tiroteo en Ecuador
Xa están na casa en Galicia os traballadores que saíron ilesos dun tiroteo en Ecuador
Aterraron a primeira hora deste domingo en Peinador onde os recibiron familiares e amigos, tras facer escala no aeroporto de Madrid-Baraxas
O autocar en que viaxaban recibiu case 20 impactos de bala de seis asaltantes en moto, aos que busca a policía ecuatoriana
Os traballadores galegos tiroteados esta semana por uns asaltantes en Ecuador chegaron este domingo a Vigo procedentes de Guayaquil. Alí varios asaltantes en moto dispararon contra o seu autocar a madrugada do mércores cando regresaban das instalacións nas que traballaban na reparación dun buque da empresa armadora Albacora.
A bordo do vehículo ían 34 operarios, 33 galegos e un vasco que xa puideron regersar a España.
Pasadas as oito da mañá, e despois de facer escala en Madrid, os traballadores do naval aterraron no aeroporto de Peinador, onde foron recibidos por familiares e amigos.
“Foi unha película con final feliz. Deille mil voltas á cabeza lembrando aquel momento, pero o mellor é que todos estamos ben e de volta en casa. Agora toca desconectar e gozar da familia e os amigos", declarou un do traballadores.
O asalto produciuse no cantón de Guayaquil, a onde se desprazaron para traballar na reparación dun atuneiro. O autobús no que viaxaban recibiu case 20 disparos dos seis asaltantes que lles tenderon unha emboscada.
Os gardas de seguridade privada que os protexían repeleron coas súas armas a agresión e todos os que ían no autocar saíron ilesos, polo que puideron regresar ás súas casas en canto lles proporcionaron os billetes de avión.