Os Estados Unidos axudarán a adestrar pilotos ucraínos no manexo de cazas F-16
Os Estados Unidos axudarán a adestrar pilotos ucraínos no manexo de cazas F-16
Zelenski, que podería chegar este sábado a Hiroshima para participar no cume do G7, celebrou a decisión
O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, informou este venres o resto de líderes do G-7 de que o seu país apoiará o esforzo conxunto para adestrar pilotos ucraínos no manexo de avións de cuarta xeración, incluídos os cazas F-16, segundo confirmou un alto funcionario estadounidense.
De acordo coa citada fonte, o adestramento producirase fóra de Ucraína, en diferentes puntos de Europa, e comezará nas vindeiras semanas. Malia todo, os EUA e os países aliados aínda non decidiron cando se enviarán os F-16, cantos se enviarán nin que países van proporcionalos.
A decisión de Biden busca enviar un "sinal poderoso" a Rusia sobre o compromiso de Occidente coa "soberanía, a independencia e a seguridade" de Ucraína, así como coa súa capacidade para defenderse de futuros ataques, destacou o funcionario.
Zelenski celebra a decisión
O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, que podería chegar este sábado a Hiroshima para participar en persoa no cume do G-7, celebrou a decisión.
"Dou a benvida á decisión histórica dos Estados Unidos e do seu presidente de apoiar unha coalición internacional de avións de combate. Isto mellorará moito o noso Exército nos ceos. Conto con falar da aplicación práctica desta decisión no cume do G-7 en Hiroshima", tuiteou este venres Zelenski.
En febreiro, o Reino Unido anunciou que ía desenvolver un novo programa de capacitación para pilotos ucraínos coa fin de apoiar os seus esforzos por crear unha nova forza aérea no país con avións de combate F-16 da OTAN.
Nos últimos meses, Kíiv solicitou cazabombardeiros para defenderse de Rusia, pero Biden amosouse ata o de agora remiso a responder a esta demanda.