Publicador de contidos
Publicador de contidos

Egea dimite como secretario xeral do PP

G24.gal 22/02/2022 19:52

Pablo Casado perde o seu principal home de confianza. Sinalado por todos como o culpable da crise, o secretario xeral Teodoro García Egea dimite do seu cargo só cinco días despois de lanzar as acusacións máis duras contra Isabel Díaz Ayuso.

A súa é a máis importante da fervenza de renuncias que vive o partido. Este martes deixaron os seus postos no comité de dirección Andrea Levy, Belén Hoyo e a responsable de Exterior, Ana Vázquez. 

A deputada ourensá considera: "A dirección do partido debe convocar xa ese congreso extraordinario que están pedindo os afiliados, que me trasladaban o seu cabreo, xente que nos increpaba polas rúas, e isto non o podo permitir".

Tamén abandona o cargo de voceiro do partido o alcalde de Madrid José Luis Martínez-Almeida.

O rexedor dixo: "O meu compromiso co concello de Madrid está moi por riba do meu compromiso co Partido Popular".

Casado reúne este mércores os líderes autonómicos do partido. Non estará Ayuso, que non preside o PP de Madrid. Aínda así, catorce dos dezasete vanlle pedir un congreso extraordinario para elixir novo presidente. O seu principal aliado entre os baróns, o murciano López Miras, tamén o abandona.

 "Evidentemente, a situación é insostible, non pode seguir así. Necesitamos tomar decisións de forma urxente", dixo Miras.

Segundo algunhas fontes, Casado convocará ese congreso extraordinario na Xunta Directiva Nacional que se vai celebrar o vindeiro martes. Antes, en doce horas, hai unha sesión de control ao Goberno en que todas as olladas estarán por unha vez na bancada da oposición.

Egea: "Sempre serei fiel a Casado"

Teodoro García Egea garantiu que será "sempre leal" ao aínda presidente do partido Pablo Casado, ao que cualificou de "persoa honesta" porque, ao seu xuízo, non dubidou en poñer en perigo o seu cargo por defender os seus principios.

As declaracións fíxoas durante unha entrevista en La Sexta, en que tamén confirmou que decidiu renunciar ao seu cargo tras falar con Casado, pero negou que fora o presidente do partido quen lle reclamou que o deixara.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade