Eleccións en Turquía: Erdogan podería perder 20 anos de poder fronte a unha oposición unida
Eleccións en Turquía: Erdogan podería perder 20 anos de poder fronte a unha oposición unida
As sondaxes danlle ao opositor Kiliçdaroglu, co apoio dunha ampla coalición desde a extrema dereita á esquerda, unha lixeira vantaxe nas presidenciais e lexislativas deste domingo
61 millóns de turcos poden votar para elixir o novo presidente e 600 parlamentarios
A votación para as decisivas eleccións presidenciais e parlamentarias en Turquía, que poden acabar con 20 anos no poder de Recep Tayyip Erdogan, comezou ás 08:00 (05:00 GMT) e continuará ata as 17:00 (15:00 GMT).
Uns 61 millóns turcos poden votar en máis de 192.000 urnas para elixir os 600 membros do Parlamento e a quen será o novo presidente os próximos cinco anos entre tres candidatos: Erdogan, o socialdemócrata Kemal Kiliçdaroglu e o nacionalista Sinan Ogan.
As últimas sondaxes prevén unha axustada vitoria de Kiliçdaroglu sobre Erdogan, aínda que é posible que ningún dos dous logre nesta primeira volta a maioría absoluta que evitaría unha segunda rolda dentro de dúas semanas.
O terceiro candidato en liza, o nacionalista Ogan non obtería máis do 3 % suficiente para restarlles aos dous candidatos con posibilidades os votos necesarios para lograr esa maioría.
Os comicios presidenciais e lexislativos decidirán se o polémico presidente, Recep Tayyip Erdogan, e o seu Partido da Xustiza e o Desenvolvemento (AKP) continúa á fronte do país outros cinco anos ou se, pola contra, deben abandonar o poder tras dúas décadas de goberno.
A oposición, máis unida ca nunca a pesar das súas diferenzas ideolóxicas e étnicas, pechou filas sobre o centroesquerdista Kemal Kiliçdaroglu, líder do Partido Republicano do Pobo (CHP).
Nas parlamentarias, as enquisas esperan unha dura pugna polo control do hemiciclo, que se podería decantar pola alianza gobernamental ou pola oposición dependendo da repartición dunha decena de escanos.
Acabar co presidencialismo
A oposición promete desfacer o sistema presidencialista construído por Erdogan e que centralizou gran poder nas mans dunha soa persoa.
A folla de ruta no programa de goberno aseguran que a maioría de decisións tomaranse por consenso entre os líderes dos diferentes partidos da coalición e cada un deles terá unha vicepresidencia.
O bloque do goberno critica que iso levará o país a un caos semellante ao que se viviu nos noventa, que se caracterizou por coalicións inestables. A oposición xustifica que o personalismo de Erdogan acabou coa Administración para traducirse nun peor funcionamento do Estado e desembocou na crise económica.
Queren substituír o poder autocrático do actual presidente por un regreso á democracia en Turquía, aseguran.
A vantaxe de Kiliçdaroglu é maior entre os mozos. Un 30 % da poboación non coñeceu outra Turquía que a gobernada por Erdogan.
A campaña non foi equilibrada. O Goberno aprobou unha lei meses atrás que lles permite ao presidente e aos seus ministros utilizar todos os recursos do Estado nos mitins e actos políticos, ademais de contar co apoio da maioría dos medios de comunicación.
Malia estas vantaxes a alianza de Erdogan non as ten todas consigo. Erdogan mesmo acusou estes días o presidente dos Estado Unidos, Joe Biden, de dar a orde de derrocalo e asegura que as eleccións do 14 de maio son un intento de golpe de Estado político por parte de Occidente.