Elena Blasco: "A pandemia agravou e creou novas desigualdades"
Elena Blasco: "A pandemia agravou e creou novas desigualdades"
A presidenta da Comisión de Traballo sobre a realidade social e o traballo das mulleres en España do Consello Económico e Social de España valora de xeito positivo a lei de paridade
A presidenta da Comisión de Traballo sobre a realidade social e o traballo das mulleres en España do Consello Económico e Social, Elena Blasco, conclúe que "a covid non só aumentou, senón que reproduciu e recreou novas fendas e desigualdades entre homes e mulleres".
Blasco, que analizou nun informe o impacto da pandemia na realidade laboral das mulleres, apuntaba que xa se tiña unha situación de partida "moi desfavorable con discriminación, con desigualdades tanto no eido laboral, económico e social. Algo que necesariamente foi así porque ten moito que ver co mantemento da división sexual do traballo que fai que as mulleres se sitúen nos sectores produtivos peor remunerados".
"Hai un elemento fundamental nesa discriminación que son os distintos usos do tempo dos traballos de coidado, de atención e asistencia. Estas dúas circunstancias influíron. Ao final, o coronavirus o que fixo foi recruar e motivar a aparición de novas desigualdades", apunta.
Blasco valora de xeito positivo o anteproxecto da lei de paridade aprobada polo executivo central e que obriga a que haxa unha cota mínima de mulleres, dun 40 %, nos consellos de administracións de grandes empresas, en listas electorais ou no goberno.
"As cotas sempre poden ser unha ferramenta máis para seguir avanzando en igualdade. Todo o que sexan accións positivas para avanzar en materia de igualdade sempre serán benvidas. Non creo que teña nada que ver co feito de que poidan existir persoas que non estean capacitadas profesionalmente ou laboralmente para desenvolver unha determinada tarefa pola imposición de ser muller ou de ser home", explica.
"A estas alturas, a realidade social, económica e política do noso país creo que está demostrando que as cotas son un bo elemento para poder chegar a esa paridade", salienta.
Insta Blasco as administracións a desenvolver novas políticas en materia de igualdade e a aproveitar o plan de recuperación para avanzar cara a un "novo modelo produtivo coa plena incorporación da muller en todos os sectores. Cunha maior participación das mulleres en todas as actividades e ademais con maior fincapé naquelas vencelladas á transición ecolóxica e dixital".
Destaca que "a educación é clave para conseguir este cambio de rumbo que nos leve a unha verdadeira igualdade".