Publicador de contidos
Publicador de contidos

Elon Musk queda absolto no xuízo polos chíos sobre Tesla de 2018

Elon Musk queda absolto no xuízo polos chíos sobre Tesla de 2018

Varios investidores acusábano de perdas millonarias polas súas polémicas mensaxes en Twitter

G24.gal 04/02/2023 09:29 Última actualización 04/02/2023 09:49

Un xurado federal de San Francisco declarou o empresario Elon Musk non responsable das supostas perdas millonarias que varios investidores atribuían aos seus chíos de 2018 nos que dicía ter fondos suficientes para sacar a empresa da bolsa, algo que nunca ocorreu.

O xurado, integrado por nove persoas, emitiu o veredicto en apenas dúas horas tras retirarse a deliberar, despois dun xuízo civil que durou tres semanas e no que se dirimía se o magnate enganara os investidores coas súas polémicas mensaxes en Twitter.

Trátase dunha vitoria para Musk, que testificou ao longo do proceso para asegurar que tiña capital suficiente para sacar a empresa da bolsa grazas a compromisos do fondo soberano de Arabia Saudita e a súa propia participación de SpaceX. 

"Estou a considerar sacar a Tesla de bolsa a 420 dólares. Financiamento asegurado", dicía o chío sometido a escrutinio.

Ademais, Musk facía referencia ao prezo por acción que podía ofrecer na operación e que valoraría a empresa nuns 72.000 millóns de dólares.

"O apoio dos investidores está confirmado. A única razón pola que isto non é certo é que depende do voto dos accionistas", agregou noutro texto.

Tras as mensaxes, a cotización de Tesla subiu con forza para logo caer uns días despois cando os medios de comunicación comezaron a informar de que en realidade non tiña ese financiamento asegurado.

Musk parecía partir con desvantaxe, xa que o xuíz, Edward Chen, dera por probado que esas afirmacións eran falsas e enganosas, pero o xurado debía determinar se as mensaxes afectaron á cotización de Tesla, a posible intencionalidade do acusado e o custo para os demandantes.

Sen indemnizacións

Primeiro, o xurado debía decidir se as mensaxes publicadas por Musk enganaran os investidores e seguidamente calcular o impacto económico que tiveron. Ao rexeitar o primeiro suposto, o empresario sálvase de ter que pagar millóns de dólares de compensación aos demandantes.

Os chíos xa levaron no 2018 a Comisión de Bolsa e Valores dos EUA a acusar a Musk de fraude. O empresario aceptou como sanción unha multa de 20 millóns de dólares e deixar, polo menos durante tres anos, a presidencia do consello de administración da compañía. Porén, continuou sendo o seu conselleiro delegado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade