Publicador de contidos
Publicador de contidos

Empate insuficiente para Compostela e Polvorín en San Lázaro

Empate insuficiente para Compostela e Polvorín en San Lázaro

O Compostela non estivo cómodo e só estivo preto da vitoria ao final

O Polvorín fixo un bo partido e dispuxo de ocasións, pero precisa vitorias con urxencia

G24.gal 05/03/2023 14:47

O Compostela e o Polvorín empataron sen goles no Vero Boquete, resultado que non lles abonda nas súas respectivas loitas polo liderado e pola salvación na Segunda Federación.

O equipo santiagués, que quería meterlles presión ao Arenteiro e ao Valladolid Promesas (3º clasificado) antes do encontro entre os dous, non se atopou cómodo no seu estadio diante do penúltimo clasificado, un Polvorín que precisa triunfos se quere seguir optando a manter a categoría. 

Foi o equipo de Trashorras o que saíu mellor plantado, e o que gozou da ocasión máis clara da primeira metade. Foi aos 11 minutos, cando un remate de Ces Cotos era respondido cun paradón de Borja Rey.

Ao Compostela custáballe conectar cos seus xogadores de ataque, e so inquietou nunha acción a balón parado, cando Pablo Antas rematou sen oposición na área, pero non atopou o gol.

Na segunda metade os de Fabiano intentaron darlle unha velocidade máis ao xogo, pero Trashorras introduciu no campo a Xabi e a Álex Ramos, que lle volveron dar equilibrio ao seu equipo.

No treito final do encontro foi o Compostela o que arriscou máis, sobre todo desde a entrada de Parapar, que protagonizou as últimas incursións do equipo, especialmente un remate que, tocado en Iago Novo, obrigou a unha grande intervención co pé de Brais.

O empate final non axuda excesivamente aos dous contendentes nos seus obxectivos da temporada.

Tras o partido, Trashorras amosouse satisfeito cos seus, pero laiouse de que este ano todo lles está a ir na contra por pequenos detalles. Fabiano so se amosou amolado porque os seus intenten facer cousas no Vero Boquete que non acontecen fóra da casa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos