Publicador de contidos
Publicador de contidos

Entran en vigor os aranceis da UE aos vehículos eléctricos chineses

Entran en vigor os aranceis da UE aos vehículos eléctricos chineses

O Executivo comunitario aplicará un arancel do 35,3 % ao fabricante chinés SAIC; do 18,8 % a Geely e do 17 % a BYD, durante un máximo de cinco anos

A China nin está de acordo nin acepta os aranceis da UE aos seus vehículos eléctricos

G24.gal 29/10/2024 19:45

Os aranceis aprobados pola Unión Europea de ata o 35,3 % á importación de vehículos eléctricos procedentes da China van entrar en vigor este mércores, tras a súa publicación este martes no Diario Oficial da UE.

O Executivo comunitario aplicará un arancel do 35,3 % ao fabricante chinés SAIC; do 18,8 % a Geely e do 17 % a BYD, durante un máximo de cinco anos, segundo confirmou nun comunicado.

A medida tamén afectará as empresas occidentais que producen na China, por exemplo a estadounidense Tesla, a quen se aplicará un arancel do 7,8 %, mentres que a outras que cooperaron coa comisión na investigación que levou a cabo antes de aprobar os aranceis váiselles impoñer unha taxa do 20,7 %.

"Celebramos a competencia, mesmo no sector dos vehículos eléctricos, pero debe estar sustentada na xustiza e a igualdade de condicións", dixo o vicepresidente da Comisión Europea e responsable de Comercio, Valdis Dombrovskis.

Bruxelas segue adiante coa súa decisión porque considera que, a pesar da división que xera entre os Vinte e sete, recibiu o apoio suficiente na votación que os gobernos da UE celebraron a principios de outubro.

Nesa votación, cinco países opuxéronse á aplicación dos aranceis (entre eles Alemaña), dez apoiáronos e doce abstivéronse (España foi un deles).

Mentres a UE estaba á espera de aprobar a medida, seguiron os contactos políticos de alto nivel entre a Comisión e o Goberno chinés, así como outras reunións técnicas para tratar de atopar unha solución.

Dombrovskis e o ministro de Comercio da China, Wang Wentao, mantiveron unha conversación por videoconferencia o venres pasado na que acordaron seguir negociando un posible aumento dos prezos das exportacións de vehículos eléctricos á UE.

Fontes comunitarias apuntaron este martes a posibilidade de que as autoridades europeas viaxen á China "cando o momento sexa oportuno" para seguir as conversacións.

Bruxelas, con todo, quere negociar ao mesmo tempo o prezo mínimo de exportación con cada unha das empresas individualmente, non facelo unicamente coa intermediación das autoridades chinesas e asegura que Pequín non permite o contacto directo coas compañías.

A Comisión asegurou que suspendería os aranceis en caso de chegar a un pacto coa China durante o próximos cinco anos, pero non os cancelaría, para gañar tempo e volvelos aplicar se Pequín incumprise ese hipotético acordo, sen necesidade de volver pedir o visto e prace dos Vinte e sete.

A tensión comercial entre a UE e A China aumentou nas últimas semanas. Bruxelas impugnou ante a Organización Mundial do Comercio (OMC) a investigación que Pequín iniciou contra as importacións europeas de brandy, en resposta aos aranceis que anunciou a Comisión.

Tamén abriu outra sobre a importación de produtos de carne de porco desde o bloque comunitario e dos lácteos, que o Executivo comunitario tamén quere denunciar #ante a OMC.

A UE aprobará os aranceis a menos dunha semana das eleccións en Estados Unidos, cuxo resultado afectará á disputa xeopolítica entre Washington e Pequín, e que obrigará os Vinte e sete a reflexionar sobre como queren posicionarse nesa batalla.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade