Amparo Alonso (UDC): "A axencia colocaría a Galicia no mapa europeo da IA"
A catedrática considera que A Coruña ten moitas posibilidades de albergar a Axencia Estatal de Supervisión de IA
Esta semana A Coruña presentou a súa candidatura para albergar a sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), co apoio da Xunta e do tecido empresarial e académico. Competirá con outras propostas do estado como Alacant, Granada ou Zaragoza.
Segundo a catedrática da Universidade da Coruña, Amparo Alonso Betanzos, a cidade herculina ten moitas posibilidades de albergar este organismo tecnolóxico pioneiro en Europa. Nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG, asegura que conta cun tecido industrial, de innovación e de investigación relevante.
"Con respecto a outras cidades españolas, temos un pouco todo o que se nos pide. O Goberno quere descentralizar e vertebrar o territorio. É hora de mirar á parte atlántica. Galicia pouco a pouco, e A Coruña en particular, foi atraendo todo ese tecido de empresas e tecnoloxía que se asentou na cidade dende hai máis de vinte e cinco anos".
En concreto, lembra que A Coruña ten a facultade de enxeñería informática máis antiga de Galicia; a cidade das TIC, que agrupa docencia, empresa e innovación; e un grupo de sociedades que fan un uso intensivo da tecnoloxía.
Primeira en Europa
Dende o seu punto de vista, a axencia colocaría a Galicia no mapa da intelixencia artificial en Europa, porque España se propón como campo de probas de toda a regulamentación comunitaria neste eido.
"Será a primeira que se faga en toda Europa. Seguramente serviremos de inspiración para outros países. España pretende facer un informe que presentará cando esteamos presidindo a UE na quenda do ano que vén. Que a primeira axencia estea en Galicia, na Coruña, sitúanos nun punto de referencia importante en Europa".
A catedrática subliña que a nova axencia deberá velar por unha intelixencia artificial ética, confiable e ao servizo das persoas, porque esa é a aposta da UE. Por iso, explica, contará con perfís técnicos, sociais, xurídicos e do ámbito das humanidades.
Ourense, que tamén se propuxera como candidata presentará o luns, o último día do prazo, a súa candidatura a pesar de non contar co apoio da Xunta.