As choivas esténdense na provincia de Ourense pero os encoros seguen baixos
As choivas esténdense na provincia de Ourense pero os encoros seguen baixos
A presa das Cunchas está ao 31 % e o de Salas ao 28 % da súa capacidade
A aldea de Aceredo volve quedar sepultada baixo a auga no Lindoso
Na provincia de Ourense había tempo que non vían chover con tanta intensidade. A auga cae de xeito xeneralizado pero nótase, sobre todo, na Baixa Limia.
A estación de Meteogalicia de Entrimo leva rexistrados en outubro máis de 300 litros de auga acumulada por metro cadrado, 80 nun só día. Así e todo, tras a seca prolongada deste ano, os encoros seguen en niveis baixos.
O das Cunchas está ao 31 % da súa capacidade, cando hai un ano situábase dez puntos por riba. O de Salas, un dos máis baixos da provincia, segue no 28 % da súa capacidade.
A aldea de Aceredo, que tantas visitas recibiu no último ano, volve estar sepultada baixo a auga. As chuvias das últimas semanas van restablecendo o caudal no encoro de Lindoso. Tamén se observan os efectos no río Pacín, en Entrimo.
"Isto, hai un mes, cruzábase andando. Pero aínda non chega aos mananciais. A seca é profunda. Pero é un alivio: caeu ben caída, sen problemas en ningún sitio", asegura Amadeo Rodríguez Torres, de Protección Civil.
A área recreativa, zona de baño para residentes e visitantes durante o verán, está anegada e a auga corta por momentos a estrada. Entrimo é o concello ourensán onde máis leva chovido ultimamente.