Publicador de contidos
Publicador de contidos

O non de Junts á lei de alugueiros evidencia os problemas do Goberno para lexislar

O non de Junts á lei de alugueiros evidencia os problemas do Goberno para lexislar

ERC alerta a Sánchez dunha nova alianza de Junts con PP e Vox contra o Goberno

Nogueras defende o non de Junts no Congreso: "Que non nos coen políticas que non funcionan"

Imaxe de arquivo do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a deputada de Junts, Miriam Nogueras, en presenza do secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán (Eduardo Parra / Europa Press).
G24.gal 18/09/2024 10:11

O portavoz de ERC no Congreso, Gabriel Rufián, alertou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de que nesta lexislatura está a conformarse "un bloque novo de dereita e ultradereita" no que, ademais de PP e Vox, incluíu a Junts.

"Xa perderon 35 votacións, moitas delas por este bloque. Onte mesmo nese voto miserable contra a regulación do alugueiro que afecta a tantísima xente", dixo en referencia á toma en consideración dunha proposición de lei de Sumar, en que Junts cambiou o seu voto a última hora ao pasar da abstención ao non.

Na sesión de control ao Goberno no Congreso, Rufián preguntou a Sánchez canto cre que vai durar a lexislatura e alertoulle de que hai unha "pantasma" de "dereita e ultradereita" que percorre o hemiciclo.

"Levan meses dicindo, non, Junts non se vai atrever. Non, home, Junts non pode ir con quen pegou os cataláns o 1 de outubro. Non, home, Junts non pode ir con quen nega a nación catalá. Non, non poden. Descoñecen absolutamente a capacidade, a enorme capacidade mediática de branqueamento desta xente", engadiu o portavoz de ERC.

Na súa resposta, Sánchez non se referiu explicitamente a Junts, reivindicou o traballo de ERC e insistiu na súa vontade de esgotar a lexislatura.

"As lexislaturas, segundo mandata a Constitución, son 4 anos. Por tanto quédannos 3 anos ata o final desta lexislatura", dixo.

Ademais, o presidente do Goberno lembrou que na anterior lexislatura se aprobaron 200 leis e na actual, sen cumprir un ano á fronte do Goberno, aprobaron xa 12 proxectos de lei entre reais decretos, leis e proxectos de lei.

Doutra banda, destacou que o Goberno logrou "normalizar unha situación que nos veu herdada" con medidas "moi difíciles de explicar para a opinión pública española".

E mencionou o pacto entre os socialistas e ERC para o financiamento en Cataluña que, segundo dixo, "avanza en federalismo e en corresponsabilidade fiscal".

A portavoz de Junts no Congreso, Miriam Nogueras, reivindicou o non da súa formación no debate de lei da Cámara Baixa deste martes para regular os alugueiros de tempada e habitacións tras anunciar pola mañá que se absterían: "Regular o alugueiro, por suposto, pero que non nos coen políticas dun modelo que non funciona".

Díxoo nunha entrevista deste mércores en Catalunya Ràdio recollida por Europa Press, onde reprochou que cando se lles pasou a proposta dixéronlles "que non se podía cambiar nin unha soa coma", aínda que afirmou que están dispostos a sentar e negociar. "A partir do martes, sentémonos cando queiran e si que cambiaremos comas. Por que temos que cambiar comas? Porque non teñen maioría", sostivo a portavoz de Junts, que criticou que a medida poña baixo sospeita, nas súas palabras, os pequenos propietarios.

Deste xeito, reiterou que desde Junts queren "resolver o problema" da vivenda, pero non a través dunha proposta que, ademais, pretende institucionalizar que unha habitación é un fogar, dixo textualmente. "Non é o noso modelo legalizar a piratería dos que realugan cuartos sen escrúpulos", insistiu Nogueras, que tamén se referiu á competencias de Cataluña contra as que, asegura, atenta a medida, o cal é unha liña vermella para o seu partido, nas súas palabras. 

Respecto ao cambio do voto, que pola mañá do martes anunciaran que sería unha abstención, negou que sexa un "cambio de opinión", senón un cambio de voto, xa que aínda que nun principio cunha abstención caía a proposta, pola tarde esta postura facilitábaa.

E sobre se a negativa supón un aviso ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou que non lles fai falta: "Nós estamos a facer política e se existe unha proposta que consideramos que non é boa para os cidadáns de Cataluña, votámola en contra e é así de sinxelo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade