Publicador de contidos
Publicador de contidos

España, campioa da Nations League ao gañarlle a Croacia aos penaltis

España, campioa da Nations League ao gañarlle a Croacia aos penaltis

Logo dun partido sen goles, Unai Simón detivo dous lanzamentos e Carvajal decidiu

É o quinto título oficial para España, once anos despois da Eurocopa de 2012

G24.gal 18/06/2023 23:41

España xa ten o seu quinto título internacional, o último que faltaba no seu palmarés, a Liga das Nacións. Foi logo dunha final disputada contra Croacia, que comezou cun tímido dominio de España. A ocasión máis clara chegou ao cuarto de hora, cando Gavi roubou un balón e o seu remate marchou moi preto do pau. Pero, co paso dos minutos, Croacia foise achegando cada vez con máis perigo. Primeiro Kramaric gañoulle as costas á defensa e marchou cara á portería de Unai Simón. Tivo que chegar in extremis Laporte para enviar a córner. Xusto despois, un servizo desde a dereita tivo que ser atallado por Le Normand. E Perisic tivo tamén dous remates de cabeza con moito perigo, pero non se traduciron en gol.

A última acción da primeira metade puido ser unha falta perigosa para España, sacada sen ningún acerto polos de Luis de la Fuente.

A segunda metade comezou con alternativas: un aviso de Juranovic foi respondido cunha cabezada de Asensio que marchou desviada. Despois foi Pasalic o que cabeceou fóra, antes de que Rodri rematase desde fóra da área. A ocasión máis clara tívoa Ansu Fati, pero Perisic sacou o balón cando xa se metía na portería croata. Logo dun último remate de Asensio, o partido marchou á prórroga.

Na primeira metade extra houbo unha ocasión clara para cada selección. Primeiro apareceu Nacho para evitar o tanto de Croacia, e despois foi Olmo o que rematou alto. Aínda tivo tempo Brozovic para ter a última dos croatas, que parou Unai Simón.

Na segunda parte da prórroga achegouse máis España, pero o encontro acabou sen goles e houbo que ir aos penaltis

A quenda comezou cun gran acerto dos lanzadores: Vlasic, Joselu, Brozovic, Rodri, Modric e Míkel Merino deixaban o 3 a 3. Apareceu entón Unai Simón para deter o cuarto lanzamento de Majer. Pero, despois dos goles de Asensio e Perisic, Laporte enviou ao traveseiro o quinto de España, estragando a primeira ocasión de vitoria. Volveu aparecer Unai Simón para parar o de Petkovic, e sentenciou Carvajal o triunfo de España por 5 a 4. España consegue así un novo título oficial once anos despois, a Copa das Nacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade