González Laya: "España debe axudar a unificar a postura da UE sobre Oriente Próximo"
González Laya: "España debe axudar a unificar a postura da UE sobre Oriente Próximo"
A exministra de Asuntos Exteriores pídelle á comunidade internacional que traballe para conter o conflito
Considera que a Unión Europea debe ser un actor político ademais de humanitario
A decana da Escola de Asuntos Internacionais de París e exministra de Asuntos Exteriores, Arantxa González Laya, alerta de que o conflito en Oriente Próximo se alonga no tempo e se amplía no espazo.
Nunha entrevista na Radio Galega sinalou que, ante esta situación, aumentan os riscos na rexión pero tamén no resto do mundo. Entre eles, sinalou, os económicos derivados do incremento do prezo do petróleo.
A exministra falou da necesidade dun alto ao fogo e da importancia do papel de España na resposta internacional ao conflito.
"España debe axudar a que a Unión Europea teña unha postura de unión, unha postura única que é difícil porque vive atrapada no pasado... pola súa propia historia, pola Segunda Guerra Mundial, o que lle impide construír unión e proxectarse no futuro".
Neste sentido, apelou a que os Vinte e sete non só sexan un actor humanitario senón tamén político.
Ao seu entender, ante a escalada gradual do conflito tras o ataque de Irán, Europa, os Estados Unidos e a ONU, xunto con outros países da rexión, deben conter un conflito que ten repercusións humanitarias terribles.
Venezuela
Arantxa González Laya considera que a comunidade internacional ten que seguir presionando o réxime de Maduro. Segundo a exministra, "os venezolanos falaron e as actas recoñecidas dan como gañador a González Urrutia e unha ausencia total de probas por quen di que gañou as eleccións".
México
A decana da Escola de Asuntos Internacionais de París encadra a crise entre o goberno español e a presidenta mexicana nunha cuestión doméstica do país americano que, dende o seu punto de vista, trata de reescribir o pasado dunha maneira moi selectiva para evadir os problemas de hoxe.
"Sería moi importante para dous países irmáns, amigos, con grandes lazos económicos, sociais e humanos traballar o futuro e non reescribir o pasado que non leva a ningún sitio".
Auxe da extrema dereita en Europa
A exministra de Asuntos Exteriores cre que a Unión Europea "está nunha encrucillada de camiños e ten que decidir cal toma".
Segundo González Laya, se opta por seguir dividida, en vinte e sete estados membros, "en bonsais", o futuro da Unión "decidirano A China, os Estados Unidos ou incluso Rusia".
O outro camiño, apunta, significa "unha maior integración na nosa economía, na defensa e na seguridade". Engade que nas últimas eleccións a mensaxe foi clara e os cidadáns dixeron que queren que "Europa xogue o seu papel no mundo".
Brexit
Na entrevista da Radio Galega, Arantxa González Laya sinalou que a Unión "deixou atrás a acritude dun divorcio difícil que quixo o Reino Unido e que a Unión Europea nunca buscou".
Engadiu que o novo ministro, Keir Starmer, quere "volver construír unha relación funcional coa Unión Europea". Segundo González Laya, "o Reino Unido sabe que fóra da Unión Europea vai moito frío e a Unión Europea sabe que sen o Reino Unido queda coxa".
Ucraína
"O futuro de Europa xógase en Ucraína". Ao entender da exministra de Asuntos Exteriores, Europa atouse a Ucraína a través da axuda militar e humana que lle brinda e aceptándoa, nun futuro, como membro da Unión.
"Debemos asegurarnos de que Ucraína vence na súa batalla contra Rusia".
Europa, engade, necesita apoiar a Ucraína nun momento no que a sociedade está fracturada polo terrible custo da agresión rusa.