España inicia a defensa da Liga das nacións cunha remonta espectacular contra Bélxica (3-2)
As de Montse Tomé levantaron un 0-2 a partir do minuto 77
O mércores, segundo partido en Wembley
Vitoria para empezar a defender o título de campioas da Liga de Nacións. Vitoria pero con chamada de atención. E tamén con premio pola súa tenacidade.
No primeiro partido do ano España atopou en Bélxica un rival incómodo, que con pouco fixo moito. Así, adiantouse aos 18 minutos co gol de Toloba. E co 0 a 1 marcharon ao descanso. Nun partido de claro dominio español, a camiseta nova debeu despistar a boa relación co gol que mantiñan. E foron as belgas as que marcaron o segundo. Á contra, pase de Toloba a Wullaert que definiu ante Cata Coll.
A partir de aquí, a épica. A de Claudia Pina, pra facer o 1 a 2. A dianteira catalá fora unha das 15 que renunciara á selección e ao Mundial. Dende o seu regreso leva tres partidos seguidos marcando (ante Corea, Francia e agora Bélxica). E, no tempo engadido, concentrouse toda a emoción no Ciutat de Valencia. Teimou España ata conseguir o empate no 92, no que Lucía García rematou unha xogada coral. Festa na bancada nun partido homenaxe aos afectados pola DINA, cuxos beneficios vanse destinar á reconstrución do campo de fútbol de Paiporta. Para fútbol, o do definitivo 3 a 2. Premio á tenacidade na área. Asinouno Cristina Martín-Prieto para sumar os primeiros 3 puntos de España na competición.
O mércores, en Wembley, segundo partido ante Inglaterra, que empatou a 1 con Portugal.