España clasifícase nos penaltis para a Final Four da Liga das Nacións
Adiantárase España por tres veces con dous goles de Oyarzábal e un golazo de Lamine, pero noutras tantas igualaron os Países Baixos
Na quenda de penaltis, Pedri marcou o definitivo despois de que Unai Simón detivera o 6º de Malen
A selección de Luis de la Fuente defenderá o seu título no mes de xuño
A eliminatoria de cuartos de final da Liga das Nacións entre España e os Países Baixos resultou épica, e resolveuse nun choque de volta trepidante en Mestalla cunha quenda de penaltis, logo de que España se adiantara grazas a dous goles de Oyarzabal, outro de Lamine Yamal na prórroga, que os de Koeman igualaran ata en tres ocasións.
España saíu desde o inicio disposta a resolver o antes posible. E a súa aposta saíulle ben axiña. Aos catro minutos, Oyarzabal foi derrubado por Van Hecke e o árbitro sinalaba o punto de penalti. O propio Oyarzabal era o encargado de transformar a pena máxima, e de darlle vantaxe á selección na eliminatoria.
Puido sentenciar o combinado de Luis de la Fuente só uns minutos despois. A xogada foi de Lamine, e o remate ao fondo da rede, outra vez, de Oyarzabal. Pero o gol foi anulado por fóra de xogo.
Neste treito do partido, España creou máis ocasións. A máis clara, un remate de Nico Williams, pero tamén tivo un remate de Le Normand. Malia isto, España non acadou máis vantaxe e os Países Baixos fóronse estirando á busca da área de Unai Simón, pero non foron quen de crear ocasións claras, e o partido chegou ao descanso coa vantaxe mínima da selección española.
Pero pouco durou o resultado na segunda metade. No minuto 53, unha acción entre Le Normand e Memphis na área española rematou co neerlandés no chan. E co árbitro sinalando un novo penalti. A acción foi leve, pero o VAR non lle levou a contraria ao colexiado e Memphis empataba o partido e a eliminatoria. Era o momento dos Países Baixos no partido, e Frimpong dispuxo pouco despois doutra ocasión que rematou arriba. E o propio Memphis volvía probar os reflexos de Unai Simón desde fóra da área.
España aguantou esa pequena crise, e axiña Lamine volveu meterlles medo aos visitantes cunha acción persoal. Iso antes de que Nico Williams, noutra xogada persoal, estrelase o balón no corpo de Verbruggen. España confirmou a súa recuperación volvendo desfacer o empate, e fíxoo outra vez Oyarzabal. Foi nunha acción de Nico Williams, que asistiu ao dianteiro da Real. Loco de picar o balón contra a cara de Verbruggen, cabeceou de primeiras á rede exhibindo o seu olfato de gol. Outra vez volvían meter un pé os de Luis de la Fuente na Final Four da competición. Xa sen nada que perder, o equipo de Koeman estirouse á busca da igualada e, aproveitando unha cadea derros na saída de balón de España, Maatsen marcaba cun potente disparo. Non puido facer nada Unai Simón, pero si uns minutos despois nun remate de Reijnders que chapou abaixo. E tamén nun remate de Memphis a boca de xerro que tamén atrapou.
A eliminatoria chegaba á prórroga, e aí España volvía coller o mando do xogo, pero sen inquedar en exceso a defensa neerlandesa. Iso ata o minuto 102. A xogada naceu nas botas de Huijsen, que lle pasou a Lamine Yamal. E o futbolista do Barcelona fixo o resto, cun gran movemento e remate ao pau longo para establecer o 3-2. Outra vez, por terceira vez na noite, adiantábase España na eliminatoria. E, con espazos á contra, tivo algunhas ocasións para pechar a eliminatoria, pero non puido aproveitalas. E así, volveu rexurdir a selección neerlandesa, cun penalti que aproveitou Xavi Simons para volver empatar a eliminatoria. Aínda tivo que empregarse a fondo Unai Simón para evitar o 3-4 na última acción.
A quenda comezou con gol de Van Dijk, aínda que Unai Simón chegou a tocar o balón. Mikel Merino igualou a un. Pero Koopmeiners tamén marcou. E Ferrán Torres. Así que a quenda seguía igualada. Xavi Simons volvía marcar. E tamen Aleix García para empatar a 3. Chegou entón a quenda de Noa Lang, e estrelou o lanzamento no traveseiro. Pero Lamine Yamal non puido aproveitar a oportunidade, e Verbruggen detívolle o lanzamento. E Taylor si que marcou o 5º, obrigando a Baena a marcar. A quenda foi ao erro, e errou Malen. Pedri tiña a opción de meter a España na Final Four e non perdoou. España metíase na final a catro da competición, da que é campioa. Defenderá o título no mes de xuño.