España-Italia, un clásico da Eurocopa para decidir o primeiro clasificado do Grupo B
España-Italia, un clásico da Eurocopa para decidir o primeiro clasificado do Grupo B
Os dous equipos gañaron na estrea
Nos últimos catro torneos continentais enfrontáronse nas eliminatorias
España estreouse en grande en Berlín cunha vitoria por 3-0 ante Croacia, con todos os goles marcados na primeira metade. Fabián Ruíz foi o xogador máis destacado; deu unha asistencia e marcou o segundo gol. Pero tamén foi unha tarde memorable para Lamine Yamal, que con só 16 anos disputou un gran partido e deulle o pase a Carvajal para o terceiro gol.
Os tricampións de Europa afrontan o seu partido contra Italia coa moral polas nubes. Un partido que a selección española sempre tiña na súa contra ata que cambiou a dinámica na Eurocopa de 2008. Daquela gañara nos cuartos de final nunha dramática quenda de penaltis. E na final de 2012 deulle un baile á selección italiana como se recordan poucos na historia das Eurocopas.
Italia tamén lle gañou a Albania pero cunha estrea moi traballada. Os dous últimos enfrontamentos foron para os italianos, sobre todo o máis recordado foi a vitoria nos penaltis da Euro '2020 en Wembley. Os últimos campións non se fan ilusións sobre a posibilidade de volver gañar o torneo, pero o adestrador Spalleti sabe que se teñen que centran en "aproveitar os puntos febles de España".