España perde con Noruega e loitará polo bronce mundial
As norueguesas decidiron coa súa defensa na segunda metade (27-21)
España perdeu a semifinal contra Noruega (27-21) e pelexará polo bronce no mundial de balonmán feminino que se está a xogar en terras españolas.
As norueguesas demostraron o seu poderío desde o comezo con vantaxes de catro goles (7-3) pero a garra da selección dirixida polo técnico do Guardés Ignacio Prades fixo que equilibrasen o resultado ao final ao descanso (11-11).
Outro golpe de autoridade de Noruega ao comezo da segunda metade xa foi definitivo. Volveron os catro goles de vantaxe (19-15) e agora España xa non puido reaccionar. A defensa norueguesa foi un muro insuperable e a diferenza chegou a ser de 7 goles (24-17). Ao final 27-21 e España terá que pelexar polo bronce mundial.
A galega Alicia Fernández anotou un gol e a xogadora do Guardés Paula Arcos fixo tres.