Publicador de contidos
Publicador de contidos

España rebaixa a escalada de tensión con Caracas no medio da crise diplomática

España rebaixa a escalada de tensión con Caracas no medio da crise diplomática

Albares cualifica de "soberana" a decisión de Maduro de convocar o embaixador de España no país e chamar a consultas o seu representante en Madrid

Albares nunha comparecencia en Madrid este venres. EFE/ Fernando Villar
G24.gal 14/09/2024 08:52 Última actualización 14/09/2024 17:17

O Goberno español optou por rebaixar este venres a escalada de tensión entre Caracas e Madrid e cualificou como "soberana" a decisión do presidente venezolano, Nicolás Maduro, de convocar o embaixador de España no país e chamar a consultas o seu representante na capital española.

"Convocar un embaixador e chamar a consultas son decisións soberanas de cada Estado e, por tanto, non hai nada que comentar", limitouse a sinalar o ministro español de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, nunha entrevista coa cadea pública Radio Nacional.

Albares respondía así á decisión de Maduro de chamar a consultas a súa embaixadora, Gladys Gutiérrez, e convocar o embaixador español, Ramón Santos, polo que considera "insolentes, inxerencistas e groseiras declaracións" da ministra española de Defensa, Margarita Robles.

Robles cualificou o xoves o Goberno de Nicolás Maduro de "ditadura" e referiuse á poboación venezolana que saíu do seu país de "vítimas da restrición, da violencia, da falta de democracia e da falta de liberdade".

Mensaxe de tranquilidade

O xefe da diplomacia española insistiu na vontade do executivo de buscar "as mellores relacións posibles co pobo irmán de Venezuela" e de velar polos intereses da comunidade e as empresas nacionais no país suramericano.

Unha mensaxe de tranquilidade á que se sumou este sábado o ministro de Economía, Carlos Cuerpo, que garantiu que o Goberno español "defenderá os seus intereses no caso de que isto fose necesario".

Tamén se mostrou convencido o dirixente opositor venezolano Juan Pablo García, en declaracións a EFE, de que a crise non se agravará porque "ao réxime de Maduro non lle interesa romper relacións con España nin a España con Venezuela".

"A crise diplomática non é máis que unha maneira de desviar a atención do realmente importante, é dicir, da necesidade de que España recoñeza a Edmundo González como presidente electo", dixo García, membro da dirección do movemento Vente Venezuela (VV).

Edmundo González Urrutia

A escalada de tensión de Caracas con Madrid prodúcese despois de que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, recibira o xoves o abandeirado da oposición venezolana Edmundo González Urrutia, tras pedir este asilo político en España.

Sánchez non recoñecerá, polo momento, a González Urrutia como presidente electo de Venezuela, tal como pediu o Congreso español, que esta semana aprobou a proposta a pedimento do Partido Popular, a ultradereita e grupos nacionalistas.

Aliñado con Bruxelas, Sánchez insiste en que Maduro debe amosar as actas das eleccións do 28 de xullo que, segundo a oposición venezolana, acreditan a derrota do chavismo.

Venezuela advirte que non permitirá "inxerencias"

O chanceler de Venezuela, Yván Gil, díxolle ao embaixador español en Caracas que o país caribeño non permitirá "ningunha acción inxerencista por parte do Goberno de España en asuntos que son de competencia exclusiva dos venezolanos e venezolanas". 

"O Goberno de Venezuela adoptará as medidas necesarias, no marco do dereito internacional e a diplomacia bolivariana de paz, para protexer a súa soberanía", sinala a nota do chanceler compartida en Telegram. 

Pola súa banda, o expresidente de Bolivia, Evo Morales, aliado do Goberno de Maduro, condenou o pronunciamento do Parlamento español que se "entremete nos asuntos internos de Venezuela" e lamentou que España "se converta en refuxio da dereita latinoamericana".

"Teñen que darse conta de que non estamos en tempos de colonias. España non ten a autoridade para descoñecer a ningún presidente", escribiu na rede social X. 

Medra a presión sobre Maduro

Desde a súa chegada a Madrid, o domingo pasado, González Urrutia mantivo unha actitude discreta, pero multiplicou os seus contactos políticos con encontros coma os mantidos este venres cos expresidentes Mariano Rajoy e Felipe González.

Mentres, desde as filas da dereita española aumenta a presión para actuar contra Maduro. O PP confía en que o Parlamento Europeo recoñeza a Edmundo González como vencedor das eleccións e Vox pide ao Goberno o embargo de bens dos membros do réxime de Maduro en España.

Tamén medra a presión internacional tras as sancións anunciadas o xoves polos EUA contra 16 funcionarios, entre eles membros do Tribunal Supremo de Xustiza, do Consello Nacional Electoral (CNE) e do Parlamento, por proclamar "falsamente" a Maduro como gañador dos comicios.

Alto representante da UE

Nunha rolda de prensa no Parlamento Europeo, Josep Borrell explicou que Bruxelas non pode recoñecer gobernos nin Estados porque esa é unha potestade dos estados membros da Unión Europea.

"Non vou entrar a comentar as declaracións dos ministros dun país por moito que se país sexa o meu, son español e naturalmente sigo a política española pero non creo que sexa o meu papel comentar as declaracións duns e doutros", dixo o Alto Representante da UE para a Política Exterior.

Do mesmo xeito, asegurou que a calidade democrática de Venezuela non mellorou tras as eleccións.

"Non recoñecemos a lexitimidade democrática de Maduro porque non recoñecemos que gañara as eleccións".

Recoñecemento de Edmundo González

O partido popular insiste en que o Goberno debe defender a democracia en Venezuela e recoñecer a Edmundo González como presidente electo, tal como se aprobou no Congreso esta semana.

A secretaria xeral do partido animou o Executivo a secundar as declaracións da ministra Robles sobre a deriva de Venezuela.

"Que o digan alto e claro Venezuela hoxe ten unha ditadura e Maduro é un ditador e isto non ten consecuencias negativas, ten consecuencias postivas para todos".

A próxima semana o expresidente do Goberno, José María Aznar, tamén se vai reunir co líder opositor Edmundo González.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade