España rexeita a proposta europea de reducir o consumo de gas
España rexeita a proposta europea de reducir o consumo de gas
A ministra de Transición Ecolóxica lamenta a "clamorosa ausencia de diálogo"
O Goberno cre que a medida non é a máis eficaz nin a máis xusta
O Goberno di non a Europa. Rexeita a proposta comunitaria de reducir o consumo de gas porque disque os españois levan anos investindo en regasificadoras para recibir este combustible por mar, entre outros motivos, pola inacción de Bruxelas á hora de construír interconexións entre o noso país e o resto do continente.
Teresa Ribera, ministra para a Transición Ecolóxica, cre: "Non nos poden esixir un sacrificio sobre o que nin sequera nos pediron opinión previa. A diferenza doutros países, os españois non vivimos por riba das nosas posibilidades desde o punto de vista enerxético".
Ribera garante que, pase o que pase, non vai haber cortes de luz nin de gas nos fogares españois. A contraproposta do executivo é que España supla coa súa capacidade regasificadora a eventual reducción que poidan padecer outros países máis dependentes do gas ruso.
A vicepresidenta primeira Nadia Calviño explicou: "Non pode ser que todos os países teñan o mesmo trato tendo en conta que a situación é moi diferente. Non só é que España sexa un factor de seguridade. É que nestes momentos estamos proporcionándolle por exemplo enerxía a Francia".
Para garantir o abastecemento enerxético, o Goberno estuda permitir que a térmica das Pontes volva funcionar durante seis anos. A propietaria, Endesa, está de acordo. A decisión tomarase esta semana. Os sindicatos e o PSOE apoian a medida.
Para o secretario xeral do PSdeG Valentín González Formoso: "Ante o escenario enerxético que se aveciña para setembro, ter alternativas tecnolóxicas que garantan a subministración tamén é necesario. Creo que o Goberno debería manter a central térmica das Pontes".
O líder da UXT Pepe Álvarez cre: "O peche da central tiña que se facer máis pouco a pouco, non só porque hai que facer un proceso de transición que recupere o emprego nas zonas onde están as centrais, senón ademais porque o país non o pode permitir, como vemos agora".