Especialistas en medicina interna demandan en Santiago axustes no modelo asistencial
Especialistas en medicina interna demandan en Santiago axustes no modelo asistencial
Os internistas atenderon o 80 % dos pacientes de covid
O primeiro gran foro de especialistas en medicina interna desde que se declarou a pandemia celébrase ata mañá no Pazo de Congresos de Santiago. O principal tema de debate é como cambiar o modelo asistencial: falan de reforzar a Atención Primaria e a hospitalización a domicilio, pero sobre todo de prevención. E neste sentido chaman a atención sobre as patoloxías críticas que traerá consigo o cambio climático e pídenlles ás autoridades que actúen a tempo.
"Por cada grao de temperatura aumenta un 4 % a mortalidade dos nosos pacientes", explica Juana Carretero, a vicepresidenta primeira da SEMI.
Os internistas piden prestar máis atención á obesidade e á diabetes, que foron factor de risco na covid. Tamén ás enfermidades da psique. E lamentan que a pandemia supuxese un atraso no diagnóstico de tumores e doutras doenzas graves, que agora se evidencia.
"Coa pandemia viuse claramente que o sistema non estaba preparado. A pandemia pasou por riba do sistema sanitario, tanto na atención primaria como na especializada".
Aínda que tamen destacan as fortalezas do noso sistema público de saúde.
"Conseguimos uns niveis de vacinación de 15 ou 20 puntos porcentuais por riba de países da nosa contorna como Australia ou Alemaña", destaca Jesús Díez Manglano, presidente da Sociedade Española de Medicina Interna.
Conclúen que é preciso reforzar a Atención Primaria, impulsar os modelos de atención telemática e prestar moita atención á prevención. En especial, coas patoloxías críticas que chegarán derivadas do cambio climático.