Publicador de contidos
Publicador de contidos

Estado de excepción no Ecuador tras o asasinato dun candidato presidencial

Estado de excepción no Ecuador tras o asasinato dun candidato presidencial

Fernando Villavicencio foi abatido este mércores á saída dun mitin

O Goberno mantén as eleccións do 20 de agosto

Asasinan a tiros o candidato á presidencia do Ecuador Fernando Villavicencio

Antón Montero 10/08/2023 20:09 Última actualización 10/08/2023 20:55

O Ecuador debía estar este xoves celebrando o Día da Independencia. Pero nas rúas de Quito o ambiente de festa quedou desprazado pola rabia e o pasmo tras o asasinato do candidato á presidencia Fernando Villavicencio.

"Estou triste e doída, dóeme o meu país", contaba unha veciña. "Dáme temor e un pouco de indignación, pero atérranos aos cidadáns que día a día saímos traballar que isto poida acontecer máis seguido", admitía outro cidadán.

Ademais do loito nacional, o Goberno ecuatoriano decretou o estado de excepción en todo o país durante 60 días. O presidente, Guillermo Lasso, explicou que "as forzas armadas, a partir deste momento, mobilízanse en todo o territorio nacional para garantir a seguridade dos cidadáns".

Guillermo Lasso tamén confirmou que se manteñen as eleccións do 20 de agosto.

Fernando Villavicencio, considerado próximo ao actual presidente, foi asasinado este mércores á saída dun mitin. A banda criminal Los Lobos reivindicou o crime, aínda que as sospeitas apuntan a outro grupo mafioso, Los Choneros, ligado ao cártel de Sinaloa e que xa ameazara de morte un político que prometía man dura contra a delincuencia organizada.

Hai só catro días, o candidato asasinado desafiábaos nun acto electoral: "Que veñan os capos do narco, que veñan, que veñan os sicarios".

O atentado deixou outros 9 feridos e tamén morreu un dos pistoleiros. As autoridades detiveron 6 persoas. O asasinato chega en plena espiral de violencia no Ecuador, que o ano pasado bateu a súa marca de homicidios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade