Estáncase o investimento do Estado en Galicia, a maioría destinado a infraestruturas
Estáncase o investimento do Estado en Galicia, a maioría destinado a infraestruturas
Os 1.077 milóns de euros son menos da metade do que recibe Andalucía ou Cataluña
O delegado do Goberno di que Galicia volve recibir máis do que achega
Rueda lamenta a ausencia de diñeiro para proxectos clave
O BNG pide non prexulgar o seu voto e asegura que manteñen a discriminación histórica coa nosa comunidade
Estáncanse os fondos que Galicia vai recibir do Estado nos orzamentos. O próximo ano recibirá a metade do que Andalucía ou Cataluña, as comunidades máis beneficiadas.
En total 1.077 millóns de euros, apenas 3 millóns máis ca este ano. O 8 por cento do total. Para o delegado do Goberno, José Miñones, trátase dun novo exemplo do compromiso de Pedro Sánchez coa nosa comunidade.
A maioría dos cartos destínanse a infraestruturas, sobre todo ao ferrocarril. Recibirán un impulso a variante exterior de Ourense, a intermodal de Lugo e o tren aos portos exteriores da Coruña e Ferrol.
As grandes esquecidas son a liña de Ferrol-A Coruña e, sobre todo, a saída sur de Vigo, nin cara a Ourense nin cara a Portugal
Botando un ollo ás estradas, o Goberno destina máis de 200 millóns para manter as rebaixas na AP-9, impulsar a autovía Santiago-Lugo, a circunvalación de Pontevedra e a conexión da N-120 coa N-536 no Barco de Valdeorras
Onde non hai avances é na A-76, a autovía que debería unir Ourense con Ponferrada
O Partido Popular fala de orzamentos inflados. Para o BNG, estas contas compensan o déficit histórico en infraestruturas en Galicia e pide non prexulgar o seu voto.
Rueda: faltan partidas para proxectos clave
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, di que os orzamentos xerais demostran que o Goberno de España non dá o mesmo trato a todas as comunidades. Alfonso Rueda denuncia que Galicia sae perdendo xusto cando as contas públicas son as máis expansivas da historia e advirte que faltan partidas para proxectos clave como a saída sur de Vigo.
Rueda pon o foco en que a nosa comunidade cae do cuarto ao sexto posto en investimento por habitante.
Montero: "Son as contas que España necesita"
O primeiro exame dos orzamentos será o 27 de outubro co debate das emendas á totalidade. Para que os Orzamentos se aproben definitivamente, o Goberno ten que lograr o voto positivo dos grupos de esquerda do Congreso.
A ministra de Facenda, María Jesús Montero, lémbralles que non se poden aumentar os fondos, pero si se abre a modificar partidas para chegar a consensos.