"O ministro chegou cos Reis Magos, marchou e seguimos sen data concreta para os Avril"
"O ministro chegou cos Reis Magos, marchou e seguimos sen data concreta para os Avril"
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, desconfía da nova data ofrecida polo ministro de Transporte, Óscar Puente, sobre a posta en marcha dos trens Avril de alta velocidade
"O Goberno de España non tivo esa decisión para conxelar as peaxes da AP-9 e AP-53", lamenta a conselleira, quen tamén critica o estado da A-6: "É unha autovía enferma pola falta de atención do Goberno de España"
A Xunta de Galicia desconfía da nova data ofrecida polo ministro de Transportes, Óscar Puente, sobre a posta en funcionamento dos trens Avril de alta velocidade e a súa chegada a Galicia, e tamén entende como unha falta de respecto a escenificación da semana pasada do anuncio cos Reis Magos a bordo dun convoi en probas.
"O certo é que unha cousa é que teñamos aguante, que teñamos sentido do humor, e outra cousa é que nos guste que nos tomen o pelo", aseguraba este luns a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nunha entrevista no programa Bos días da Televisión de Galicia.
"O ministro chegou cos Reis Magos anunciando a enésima data da chegada dos trens Avril, datas que se incumpriron todas as que nos deron, e se nos deron moitas en campañas electorais", afirmou a conselleira.
"Ese acto de visita electoral do ministro creo que foi un chiste con pouca ou ningunha graza".
"Vemos ese anuncio cos Reis Magos cando vemos o que está a pasar cos servizos ferroviarios en Galicia, nos que hai unha decadencia importante, con incidencias constantes no Eixo Atlántico, con atrasos, falta de prazas, avarías. Vemos as incidencias no Feve Ferrol-Ribadeo, que son constantes. Vemos que Ferrol e Lugo quedan perpetuamente illados da alta velocidade, e a conexión con Portugal, estancada. O certo é que ese acto de visita electoral do ministro creo que foi un chiste con pouca ou ningunha graza, e pedimos máis seriedade, máis respecto sobre a chegada dos trens Avril que levamos agardando moito tempo", sinalou Vázquez.
"Chegar teñen que chegar, e aí estaremos desde a Xunta de Galicia, vixiantes e atentos para o que estamos demando moito tempo", advertiu.
"Seguimos sen data concreta para a chegada dos trens Avril".
"O que vimos é unha chegada do ministro en vésperas dos Reis Magos e vimos que foi unha viaxe electoral con medios públicos, sobreactuando, sendo o Partido Socialista. E vémolo como unha falta de respecto, non xa á Xunta de Galicia, desde o punto de vista institucional, senón aos galegos e a Galicia".
"Leva dous anos de atraso. Moitas datas sempre ofrecidas en campaña electoral. Necesitamos saber cando van chegar, porque o ministro chegou cos Reis Magos, marchou e seguimos sen data concreta para a chegada dos trens Avril que permitirán que a alta velocidade chegue máis alá de Ourense", lamentou a conselleira.
"Seguimos sen saber cando e seguimos sen saber cantos. Cantos trens Avril tamén é importante porque serían máis prazas e tamén as frecuencias e un servizo razoable para conectarnos con Madrid", insistiu.
"O Goberno de España non tivo esa decisión para conxelar as peaxes".
Tamén foi moi crítica a conselleira coa suba das peaxes nas autoestradas de competencia do Estado, e comparouno coa conxelación das portaxes naquelas que son de competencia autonómica: "Unha cousa son os anuncios, a propaganda e as palabras. E outra cousa moito máis poderosa son os feitos. E creo que os galegos sabemos distinguir entre os anuncios e os feitos. Aí están as autoestradas de competencia da Xunta de Galicia, a autoestrada A Coruña-Carballo e a Vigo-Baiona, en que por segundo ano consecutivo as peaxes se conxelan, e facémolo por vontade política, contando coa Lei de orzamentos, e porque sabemos que afecta ás familias e á competitividade, e vemos o que está a facer e o que fixo o Goberno de España nas súas autoestradas: a AP-9 e AP-53".
"A AP-9 é que das que máis soben en España, un 6,55 %, a AP-53 algo máis dun 5 %, e polo tanto é cuestión de vontade política. O Goberno de España non tivo esa decisión para conxelar as peaxes a pesar do que diga o Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego, esa é a realidade: as peaxes das autoestradas competencia da Xunta conxélanse por segundo ano consecutivo e as peaxes das autoestradas competencia do Goberno de España increméntanse e son das máis caras de España", criticou Ethel Vázquez.
Nesta lexislatura, desde Galicia volverase pedir a transferencia das competencias para a xestión da Autoestrada do Atlántico: "Seguiremos insistindo. Levamos 14 anos pedindo a titularidade da AP-9 porque estamos convencidos de que podemos dar un servizo mellor e facer unha xestión mellor. A AP-9, que vertebra onde reside o 60 % da poboación. Todo o que acontece arredor da autoestrada inflúe moitísimo no día a día dos usuarios. E tamén nas diferentes actuacións e obras que se poidan realizar en torno á AP-9 e por cuarta vez, de xeito consecutivo, defendemos e iniciamos a tramitación no Parlamento Galego que se aprobou por unanimidade".
Non obstante, a conselleira non é optimista en que sexa desta vez que se consiga que se aprobe esa transferencia: "O certo é que estamos escépticos co que pase no Congreso dos Deputados, porque vimos que o BNG renunciou á AP-9 galega. No acordo de investidura vimos que apoian a Pedro Sánchez renunciando a esa transferencia. Algo sorprendente desde a Xunta de Galicia e desde o grupo parlamentario que a sustenta iniciamos esa proposición de lei no Parlamento e seguiremos insistindo e pedimos coherencia no Congreso ao PSOE e ao BNG para conseguir esa AP-9 galega".
"A A-6 é unha autovía enferma pola falta de atención do Goberno de España".
A responsable da Consellería tamén é moi crítica con todo canto rodea a Autovía do Noroeste, a A-6, polo seu estado e pola marcha das obras de reconstrución dos viadutos derrubados ao pasar Pedrafita, e onde se acaba de recuperar a circulación nun carril: "A situación da A-6 preocúpanos moitísimo. É unha autovía fundamental, unha arteria fundamental, que comunica todo o norte de Galicia coa Meseta e vendo o colapso dos viadutos, un caso único en España que nos debe preocupar a todos, e vendo o estado do firme. A A-6 é unha autovía enferma pola falta de atención do Goberno de España no mantemento e na conservación".
"As infraestruturas hai que atendelas, e nese punto da A-6 onde colapsou o viaduto do Castro había cinco carrís e o que vimos o outro día é unha apertura parcial e provisional. Parcial porque é un único carril, provisional porque é unha zona en obras e polo tanto nese único carril hai que circular a 50 km/h. Seguimos tendo un problema. Ese único carril é o 20 % e, polo tanto resta o 80 %", concluíu Ethel Vázquez.