Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ethel Vázquez: "O balance de Sánchez é unha autovía menos e falta de avances no tren"

Ethel Vázquez: "O balance de Sánchez é unha autovía menos e falta de avances no tren"

A conselleira de Infraestruturas pensa que as eleccións non condicionarán o corredor atlántico porque "nada se fixo"

Asegura que seguirán solicitando a transferencia da AP-9 ao novo Goberno que saia tras o 23 de xullo

Afirma que Augas de Galicia baralla un problema na rede de saneamento de Betanzos como orixe do norovirus

G24.gal 04/06/2023 09:15 Última actualización 04/06/2023 13:23

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, considera que as infraestruturas galegas de competencia estatal non só non avanzaron nos últimos catro anos senón que sufriron retroceso porque -dixo- hai "unha autovía menos", en relación á A-6. 

Nunha entrevista no Galicia por Diante fin de semana da Radio Galega, Vázquez tiraba balance do papel do Ministerio de Transportes durante o mandato do Goberno Sánchez unha vez que xa están convocadas eleccións xerais para o 23 de xullo.

A conselleira facía fincapé na falta de avances no que atinxe aos trens Avril de rodadura desprazable en materia ferroviaria e á situación da A-6 en materia viaria. 

"Falta de avances e sobre todo falta de atención do Goberno de España a Galicia. En materia de infraestruturas viarias en concreto podería afondar máis e dicir que retrocedemos porque o balance é unha infraestrutura menos, unha autovía menos estatal porque aí está a A-6".

Sobre a reconstrución da A-6, a conselleira insiste en esixir que sexa "simultánea" dos dous viadutos paralelos "non só por competitividade senón por seguridade viaria". Ethel Vázquez indica que "se importa a seguridade viaria debe rectificar" e avisa que en relación a esta reclamación "non nos podemos render".

Ao mesmo tempo acusa o Ministerio de Transportes e a ministra de practicar neste asunto "a táctica da avestruz". Ademais da A-6, outra das infraestruturas nas que Ethel Vázquez asegura que a Xunta seguirá firme na súa reclamación é na transferencia da titularidade da AP-9 a Galicia para que a xestión -argumenta- sexa "máis acorde ás necesidades dos galegos". 

Trens AVRIL

En materia de infraestruturas ferroviarias, a conselleira Ethel Vázquez aponlle ao Goberno central falta de avances en cuestións como os demandados trens AVRIL de rodadura desprazable.

Fala de "rosario de incumprimentos e atrasos" á hora de datar a chegada deste tipo de trens a Galicia para completar a alta velocidade ferroviaria así como saber se serán de rodadura desprazable e cantos virán a Galicia. Neste asunto lembrou que Galicia "necesita sete trens AVRIL e seis frecuencias para garantir servizos acordes ás necesidades dos galegos". 

Así mesmo descarta que a convocatoria electoral condicione a planificación do corredor atlántico noroeste ferroviario. Segundo Vázquez, porque "nada se ten avanzado nos últimos anos no plan director" dese nó ferroviario. 

Gromo en Betanzos

A conselleira de Infraestruturas, de cuxo departamento depende Augas de Galicia, tamén falou no gromo de gastroenterite rexistrado en Betanzos vinculado á detección dun norovirus na auga de abastecemento do concello.

Segundo explicou, Augas de Galicia baralla que a contaminación por norovirus da auga da traída en Betanzos poida deberse a un problema na rede de saneamento-abastecemento.

Vázquez aseguraba que Augas de Galicia colabora co Concello de Betanzos para determinar a orixe desa contaminación da auga que derivou no andazo de gastroenterite.

Ethel Vázquez apuntaba á contaminación por augas fecais, xa que -lembrou- o norovirus detectouse en "depósitos de cabeceira" do río e nunha fonte de manancial. 

"A auga ten ese contaminante a consecuencia de que hai contaminación por auga fecal de orixe humana. Dende Augas de Galicia temos aberta a posibilidade de que pode ser un problema na propia rede de saneamento e abastecemento". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade