Ethel Vázquez: "Pedímoslle ao Goberno un xiro de 180 graos na política de infraestruturas"

A conselleira de Infraestruturas pídelle ao Ministerio de Transportes o levantamento da peaxe da AP-53

Aponlle ao BNG que renunciara a pedir a transferencia da AP-9 e agarda que Gómez Besteiro non sexa "comparsa do Goberno"

G24.gal 10/12/2023 10:12 Última actualización 10/12/2023 18:24

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, pídelle ao Goberno central nesta nova lexislatura, en concreto, ao novo ministro de Transportes, Óscar Puente, "un xiro de 180 graos" na política de infraestruturas respecto a Galicia.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, na Radio Galega, Vázquez di agardar tamén "poder dialogar e abordar nunha xuntanza específica cando a axenda (do ministro) llo permita" todos os asuntos que a Xunta considera prioritarios para Galicia en materia de infraestruturas.

Entre esas prioridades figuran, segundo dixo Vázquez, a data de chegada de unidades dos trens AVRIL de "rodadura desprazable", o Plan director do corredor Atlántico noroeste de mercadorías ferroviarias, a modernización da rede ferroviaria en Ferrol e Vigo-Porto así como a reconstrución dos viadutos da A-6. 

"O que lle pedimos ao Goberno de España, ao Ministerio de Transportes é que debe dar un xiro de 180 graos para que mude a política en materia de infraestruturas porque son moitos os incumprimentos, moitos os atrasos".

A conselleira de Infraestruturas tamén considera urxente que o Goberno informe canto antes no seo da "comisión de transportes", ao considerar que é "o foro axeitado", sobre os seus plans para 2024 no que atinxe á política de bonificacións no transporte público ferroviario e por estrada, que son competencia estatal.

Tras os anuncios feitos polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, no seu debate de investidura, Vázquez di que non ten "ningunha comunicación" ao respecto. 

Peaxes das autoestradas estatais

Nesa liña tamén descoñece o eventual incremento do prezo das peaxes na autoestrada do Atlántico -a AP-9- e da AP-53 e dos descontos no seu día anunciados polo PSOE e o BNG ao abeiro do acordo de investidura.

"Pedimos medidas para paliar os incrementos na AP-9 e tamén a liberación da autoestrada AP-53 Santiago-Dozón. Estamos a falar do eixo vertebrador do interior de Galicia, que conta cunha anomalía".  

Segundo explicou, mentres o treito Santiago-Dozón, que é de competencia estatal, ten peaxe, o treito que vai de Dozón a Ourense é competencia autonómica está libre de peaxe. 

Respecto á transferencia da AP-9, a Xunta insiste en que teimarán en solicitarlla ao Goberno, malia a resposta negativa recibida ata o momento. Sobre esta transferencia, Ethel Vázquez aponlle ao BNG que non a solicitara no último pacto de investidura asinado co PSOE. Segundo dixo, "o BNG apoiou esta investidura de Pedro Sánchez sen que nese acordo haxa unha referencia explícita á transferencia da AP-9". 

"O que vemos é que o Bloque Nacionalista Galego renunciou a que a AP-9 fose galega e na Xunta de Galicia non renunciamos, insistimos".  

Sobre a escolla de Xosé Ramón Gómez Besteiro, deputado do PSdeG pola provincia de Lugo no Congreso e candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, como presidente da comisión de Transportes da cámara baixa, Vázquez apunta que nese foro se verá "se a súa posición vai ser defender os intereses de Galicia ou facerlle de comparsa ao Goberno de Pedro Sánchez". 

Entrevista completa na Radio Galega
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade