Publicador de contidos
Publicador de contidos

Europa deixa vacante o escano de Comín

Europa deixa vacante o escano de Comín

O Parlamento Europeo entende que Comín si dispón de inmunidade para ir a Madrid a acatar a Constitución sen ser detido, a teor da sentenza do Tribunal de Xustiza da UE

G24.gal 02/07/2024 19:35

O Parlamento Europeo deixará vacante polo momento o escano do dirixente de Junts Toni Comín tras recibir este martes unha carta da Xunta Electoral Central de España coa lista de candidatos electos á Eurocámara que cumpriron co requisito de acatar a Constitución española sen o nome do eurodeputado catalán.

Fontes parlamentarias confirmaron a EFE a recepción da carta coa información de que 59 dos 61 eurodeputados electos españois cumpriron co requisito do acatamento da Carta Magna no Congreso dos Deputados, todos salvo unha eurodeputada socialista que o fará na súa Xunta Electoral Provincial e o propio Comín, que permanece fuxido en Bélxica desde 2017 e non acudiu a Madrid.

"Non se lle expediu a correspondente credencial por non cumprir o requisito de xuramento ou promesa de acatamento á Constitución esixido polo artigo 224.2 da LOREG", sinalaba o escrito da Xunta Electoral enviado ao Parlamento Europeo.

O Parlamento Europeo entende que Comín si dispón de inmunidade para ir a Madrid acatar a Constitución sen ser detido, a teor da sentenza do Tribunal de Xustiza da UE que recoñecía que o dirixente de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) Oriol Junqueras debía tela en 2019.

Fontes próximas ao caso consideran que a xurisprudencia actual confirma que só os nomes oficialmente comunicados na lista de candidatos electos poden ser recoñecidos como eurodeputados, aínda que recoñecen que a sentenza do Tribunal Xeral da UE de xullo de 2022 con este principio está recorrida e o Parlamento deberá examinar a resolución do recurso cando esta se produza.

Este luns, tras coñecerse que a Xunta Electoral Central non incluía o seu nome na proclamación oficial de resultados, o propio Comín consideraba "irrelevante" esta decisión e afirmaba que "hai bastante xurisprudencia europea que demostra que prometer a Constitución é irrelevante a efectos da acta de eurodeputado".

Coa xurisprudencia que existe agora, asegurou Comín, un presidente do Parlamento Europeo que non os recoñeza como eurodeputados "arríscase" a que Junts presente unha demanda contra a súa decisión e que a xustiza europea lles dea a razón. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade