Publicador de contidos
Publicador de contidos

O sector da pesca agarda unha decisión favorable da xustiza comunitaria contra o veto á pesca de fondo

O sector da pesca agarda unha decisión favorable da xustiza comunitaria contra o veto á pesca de fondo

Empresas e asociacións avalan con informes o respecto do palangre sobre os fondos mariños

G24.gal 04/07/2024 14:35

A frota do Gran Sol deixou de ingresar arredor de 10 millóns de euros ao ano tras o veto imposto pola Comisión Europea á pesca de fondo en outubro de 2022.

"Moita da frota tivo que pasar a volanta. Unha inversión de medio millón por barco", di Javier Touza, presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo.

O sector denuncia que foi unha decisión arbitraria que se tomou sen informes técnicos que avalasen a medida. Uns argumentos que empresas e organizacións pesqueiras recollen nos recursos presentados no Tribunal comunitario.

"Poñer en valor os informes realizados que demostran o nulo impacto do palangre sobre os fondos mariños", defende Sergio López, xerente da Organización de Produtores de Burela.

Por iso piden que se reverta esta decisión e que se teñan en conta os novos estudos avalados polas institucións europeas.

"Unha auditora independente encargada polo Parlamento Europeo chegou á conclusión de que a pesca de fondo non afecta negativamente aos fondos mariños", asegura Javier Touza.

O conselleiro do Mar agarda en Luxembugo unha decisión favorable para poñerlle fin ao que considera unha neglixencia normativa das institucións comunitarias.

"Non se tivo en conta que esta decisión está a afectar moitas familias galegas que viven desta forma de pesca e afectan, polo tanto, dun xeito xeral a economía do sector do mar en Galicia", argumenta Alfonso Villares, conselleiro do Mar.

O veto afecta especies tan cotizadas coma o peixe sapo ou a pescada en portos como Celeiro e Burela.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade