Publicador de contidos
Publicador de contidos

Expertos da Universidade da Coruña consideran nulo o decreto sobre eólica marina

Expertos da Universidade da Coruña consideran nulo o decreto sobre eólica marina

Os profesores Javier Sanz e Marta García, nun informe, aseguran que non respectan o marco europeo e que a atribución de espazos aos aeroxeradores é "arbitraria"

G24.gal 21/09/2023 16:21

Un estudo da Universidade da Coruña asegura que o real decreto que establece o ordenamento da eólica mariña é nulo. Din que non respecta o marco europeo e que o Ministerio para a Transición Ecolóxica debería retiralo.

Dous profesores da Universidade da Coruña (UDC) consideran que o decreto aprobado a finais de febreiro para atribuír espazos marítimos para a instalación de aeroxeradores é "arbitrario" e "nulo".

No seu informe presentado este xoves na Lonxa da Coruña xunto a representantes da asociación Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, os profesores da UDC Javier Sanz e Marta García cuestionaron a normativa do Goberno.

A Plataforma Manifesto de Burela presentou en xullo unha demanda ante o Tribunal Supremo para anular e revogar o decreto sobre as instalacións marítimas para captar enerxía eólica.

Sanz indicou que o estudo pretende servir de "apoio aos pescadores de Galicia" e asegurou que "hai argumentos para poñer en cuestión o decreto".

Na súa opinión, este decreto carente de documentación científica e do impacto económico contén "moitas fallas xurídicas" e "moitas incógnitas".

Pola súa banda, García insistiu en que "hai un falta de sentido común, cousas pouco xustificadas" neste decreto, que considera "arbitrario e nulo".

Para García, o documento propón "dous usos, de interese xeral e de alto potencial", pero "en ningún aparece a pesca", que "non ten zonas reservadas" e subordínase "a intereses doutros usos, como a eólica mariña".

Os autores do estudo lamentaron que "o Estado quixo avanzar rápido, pero poñendo en perigo a pesca de baixura", polo que avogaron por unha "moratoria" para a implantación de aeroxeradores no litoral atlántico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade