Publicador de contidos

Publicador de contidos

Fabiola García: "Queremos resolver as solicitudes de dependencia en seis meses"

Fabiola García: "Queremos resolver as solicitudes de dependencia en seis meses"

A conselleira de Política Social critica que o Goberno aínda non lle pagou a Galicia os 2.500 millóns de dependencia que lle debe

Defende a eliminación do informe médico e do informe social para reducirlles a carga aos traballadores sociais

G24.gal 09/02/2025 09:30 Última actualización 09/02/2025 12:42

A Xunta quere reducir ao mínimo os trámites burocráticos para que as persoas dependentes poidan cobrar as axudas canto antes. Por iso, vai eliminar o informe médico e o social que teñen que presentar os pacientes.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, a conselleira de Política Social, Fabiola García, di que o obxectivo é quitarlles carga aos traballadores sociais e aliviar a espera das persoas que levan meses agardando a ser valoradas. 

"En 2023 pasamos de doce a dous documentos e agora xa nin vai facer falta o informe médico nin o informe social. O que queremos é quitarlles carga aos traballadores sociais para que se centren no importante, atender as persoas".

Fabiola García asegura que o plan de choque que a Xunta puxo en marcha en xaneiro para reducir a burocracia en dependencia permitiu valorar cinco mil persoas en xaneiro, e nos próximos días recoñeceranlle a dependencia a outras mil.

"A Xunta quere resolver todas as solicitudes nun prazo de seis meses. Hai que seguir implementando medidas porque en 2024 as solicitudes aumentaron un 40 %".

A conselleira insiste en que o seu departamento tería máis marxe de manobra se o Goberno lle pagase a Galicia os 2.500 millóns que lle debe en dependencia e cumprise a lei, que obriga a que as comunidades e o Estado paguen a factura a partes iguais.

Galicia achega o 70 % dos gastos en dependencia mentres que o Estado só aboa o 30 %. Dende a Xunta imos seguir reclamando os cartos que nos pertencen. O Estado non é consciente de todo o que se pode facer con 2.500 millóns de euros.

Éxito do servizo de axuda no fogar

Fabiola García asegura que Galicia é referente no coidado dos maiores con servizos como o de axuda no fogar, cada vez máis solicitado, e grazas a outras axudas como o bono coidado, unha prestación de 400 euros ao mes para os familiares que coidan dos seus anciáns.

"Moitos informes dinnos que os anciáns prefiren quedar na casa por iso hoxe hai 24 mil persoas atendidas nos seus domicilios"

A conselleira subliñou o éxito das 140 casas do maior abertas no rural para a atención diúrna dos anciáns e tamén avanzou a creación de 900 prazas públicas en residencias de maiores e que nas vindeiras semanas comezará a funcionar a nova residencia de Pontevedra impulsada pola Fundación Amancio Ortega.

Entrevista completa de Fabiola García na Radio Galega
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade