Fabiola García sitúa Galicia como referente mundial na dixitalización do sistema de coidados
Fabiola García sitúa Galicia como referente mundial na dixitalización do sistema de coidados
A conselleira de Política Social participou nunha mesa de traballo organizada polo Clúster Saúde de Galicia en Edimburgo
Presentouse en Edimburgo o modelo galego de residencias e atención a persoas dependentes Nunha xuntanza con representantes do sector e do Goberno escocés, a conselleira de Política Social, Fabiola García sinalou que Galicia se está a converter nun referente mundial na dixitalización do sistema de coidados.
García puxo como exemplo a implantación de cuartos intelixentes, as terapias virtuais e a historia clínica electrónica. Un avance que considera necesario para equiparar as residencias aos centros de saúde no uso das novas tecnoloxías.
“Propoñemos centros máis coordinados a nivel sociosanitario, centros máis parecidos a un fogar, centros máis humanos e centros máis dixitais”, sinalou a responsable de Política Social da Xunta.
“Aínda que este tipo de foros son comúns no ámbito sanitario, é importante sinalar que para o eido social non o son tanto. Debemos recoñecer que, mentres a sanidade soubo incorporar os avances científicos e tecnolóxicos aos seus tratamentos e ás súas instalacións, no social avanzouse pouco no ámbito da innovación”, concluíu.