Facenda activa a páxina web para pedir o cheque de 200 euros
Facenda activa a páxina web para pedir o cheque de 200 euros
As solicitudes poderán presentarse entre o 15 de febreiro e o 31 de marzo
A axuda está dirixida a persoas con rendas inferiores a 27.000 euros anuais e cun patrimonio non superior aos 75.000
Os que xa reciben o ingreso mínimo vital e os pensionistas non poderán recibir o subsidio tras ver revalorizada a súa prestación
O Ministerio de Facenda, na sede electrónica da Axencia Tributaria, activou a páxina web para solicitar o novo cheque de 200 euros para familias vulnerables que aprobou o Goberno no seu último paquete de medidas para facerlles fronte ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína.
Os posibles beneficiarios da nova axuda contarán cun mes e medio para realizar a solicitude, concretamente entre o 15 de febreiro e o 31 de marzo. A axuda está dirixida a persoas con rendas inferiores a 27.000 euros anuais e cun patrimonio non superior a 75.000.
Este cómputo de ingresos e patrimonio realizarase con data ao 31 de decembro. En caso de matrimonio ou parella de feito, será o cómputo conxunto, así como o dos menores e ascendentes que residan no mesmo fogar. Para ser beneficiario, tamén se debe ter a residencia habitual en España ao 31 de decembro.
O cheque non será accesible para quen cobra o ingreso mínimo vital (IMV) ou quen perciba pensións aboadas polo Réxime Xeral e os Réximes Especiais da Seguridade Social ou polo Réxime de Clases Pasivas do Estado.
Tampouco quen perciba prestacións análogas ás anteriores recoñecidas aos profesionais non integrados no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos polas mutualidades de previsión social que actúen como alternativas ao réxime especial da Seguridade Social mencionado.
Quedan excluídos tamén do dereito a esta axuda, independentemente da valoración do patrimonio neto, as persoas beneficiarias individuais cando, durante 2022, fosen administradores de dereito dunha sociedade mercantil que non cesase na súa actividade ao 31 de decembro de 2022, ou foran titulares de valores representativos da participación en fondos propios dunha sociedade mercantil non negociados en mercados organizados.
A solicitude
No formulario na sede electrónica da Axencia Tributaria deberá figurar necesariamente a conta bancaria do titular da solicitude na que se desexe que se realice o aboamento, xa que estes 200 euros se recibirán mediante transferencia bancaria nun pago único.
O real decreto-lei, publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE), especifica, ademais, que no caso de que a solicitude sexa rexeitada, notificarase ao solicitante unha proposta de resolución denegatoria, na que se lle indicarán os datos necesarios para consultar os motivos da denegación na sede electrónica da Axencia Tributaria.
O solicitante dispoñerá dun prazo de 10 días, a contar desde o día seguinte á notificación da proposta de resolución denegatoria, para alegar e presentar os documentos e xustificantes que considere pertinentes.
Explica o executivo, transcorrido o prazo dun mes, a contar desde o día seguinte á notificación da citada proposta, sen a presentación de alegacións, documentos ou xustificantes, producirase a finalización do procedemento nos termos da proposta denegatoria, sen necesidade de resolución expresa da Administración.
E, transcorrido o prazo de tres meses desde a finalización do prazo de presentación da solicitude sen efectuarse o pago nin notificarse unha proposta de resolución denegatoria, a solicitude poderá entenderse desestimada
Contra esta desestimación presunta poderase interpoñer recurso de reposición e reclamación económico-administrativa, nos termos previstos na lei xeral tributaria.