Facenda di que elevará o mínimo exento do IRPF como en cada suba do SMI
Facenda di que elevará o mínimo exento do IRPF como en cada suba do SMI
O anuncio chega horas despois de que o reclamara o Partido Popular
Feijóo pregúntase cal será a seguinte liña vermella que traspasa e insinúa que indultará tamén os presos da ETA
Pedro Sánchez minimiza as cesións sobre política migratoria a Cataluña e descarta ceder o control das fronteiras
O Ministerio de Facenda asegura que en 2024 volverá aumentar o mínimo exento do IRPF como fixo cada ano que subiu o salario mínimo para evitar o impacto excesivo das retencións.
A confirmación chega despois de que o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo avanzara que ían presentar esta proposta para que os que cobren o SMI non teñan retencións nas súas nóminas.
O líder da oposición anunciaba a iniciativa nun foro esta mañá onde tamén se preguntaba cal sería a "seguinte liña vermella que ía traspasar Pedro Sánchez" e insinuaba que ninguén está en condicións de asegurar que "non indultará aos presos da ETA con delitos de sangue".
O presidente do Goberno, nunha entrevista radiofónica minimizaba as cesións sobre política migratoria a Cataluña e confirmaba que non "se cederá o control das fronteiras".
Junts per Catalunya admite que aínda debe negociar cos socialistas dos detalles da lei orgánica na que se deben desenvolver as competencias de inmigración que vai xestionar Cataluña, pero insisten en que eles aspiran "a unha xestión integral".
Sánchez recoñece que a lexislatura non será doada, pero garante a estabilidade durante os próximos catro anos.
Para Feijóo este mandato durará o que "diga Puigdemont desde Waterloo" e lamenta que na España de hoxe "todas as leis teñan que ser pactadas cos independentistas.
E os de Puigdemont, téñeno claro. O seguinte fito trala amnistía debe "ser o referendo". E avisan: "Se o Estado non cede, colorín colorado". A lexislatura estaría morta, sentencian.