Falece José Manuel Martínez-Lage, pioneiro da neuroloxía en España
Falece José Manuel Martínez-Lage, pioneiro da neuroloxía en España
Natural de Betanzos, exerceu durante case trinta anos no departamento de Neuroloxía da Clínica Universidade de Navarra
É autor de 800 publicacións científicas e especializouse no tratamento da epilepsia e as enfermidades de párkinson e alzhéimer
O doutor José Manuel Martínez-Lage, pioneiro da neuroloxía en España e director durante case trinta anos do departamento de Neuroloxía da Clínica Universidade de Navarra, faleceu este luns en Pamplona aos 88 anos.
Natural de Betanzos (A Coruña), licenciouse en Medicina na Universidade de Santiago e doutorouse na Universidade de Navarra, a cuxa Clínica se incorporou ao concluír os seus estudos, detalla este centro nun comunicado.
Foi parte do equipo de especialistas que en 1967 puxo en marcha o Departamento de Neuroloxía, especialidade para a que se formou tamén no Hospital da Pitié-Salpêtrière de París e no King's College de Londres.
Como neurólogo, dirixiu a súa atención ao longo dos anos á epilepsia, e as enfermidades de párkinson e alzhéimer.
Tamén, tivo cargos de responsabilidade nas ligas española e internacional contra a epilepsia e foi director da rede internacional que buscaba estandarizar os procedementos para a avaliación e diagnóstico dos pacientes de alzhéimer.
Martínez-Lage foi autor de preto de 800 publicacións científicas, formou a máis de cen residentes na súa especialidade, presidiu a Sociedade Española de Neuroloxía e foi vicepresidente da Federación Mundial de Neuroloxía. Ademais, recibiu a Cruz da Orde Civil de Afonso X o Sabio.