Falece Xosé Manuel Piñeiro, un dos rostros máis recoñecidos da TVG
Falece Xosé Manuel Piñeiro, un dos rostros máis recoñecidos da TVG
O seu maior éxito foi o programa Supermartes, que conduciu durante máis dunha década, entre 1992 e 2005
A TVG emite un especial esta noite sobre o popular presentador a partir das 21.35 horas
Xosé Manuel Piñeiro faleceu este martes á noite en Santiago de Compostela aos 68 anos.
Nacido en Allariz (Ourense) en 1957, é licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e converteuse nos anos 1990 nunha das caras máis coñecidas da televisión pública galega.
Foi un dos rostros máis recoñecidos da Televisión de Galicia. O seu maior éxito foi o programa Supermartes, que conduciu durante máis dunha década, entre 1992 e 2005.
Os que traballaron con el neste proxecto, compo o xornalista da TVG Sevi Martínez recoñecía que "el tivo esa amabilidade de confiar en min nese momento para ir ao Tequelexou. Alí a rirnos os dous, e a verdade é que é o recordo máis bonito que teño, á parte da profesionalidade, do agarimo. A naturalidade para el era fundamental, o primeiro de todo"
Tamén estivo á fronte de espazos coma Tequelexou, Téquele, téquele ou Acompáñenos, entre outros, e presentou numerosas galas e especiais na mesma canle autonómica.
Desde 2011 presentou o programa Bamboleo, centrado na música, o baile e a participación do público, do que tivo que apartarse en 2018 tras anunciar que sufría un mieloma múltiple nunha entrevista con Xosé Ramón Gayoso, outro popular presentador da cadea.
Xosé Ramón Gayoso di que "se contáramos en quilómetros as conversas que tivemos dariamos a volta ao mundo varias veces. Piñeiro para min foi unha persoa moi importante, básica na vida profesional e na vida persoal".
Piñeiro explicou que anunciaba a súa enfermidade para "evitar especulacións" e que o seu público "tiña que saber por que non estaba na televisión" nese momento. Tamén dixo que quería normalizar unha situación "pola que ninguén querería pasar", pero que afecta moitas persoas.
"Canta xente nos estará a ver nos agora desde a cama dun hospital ou da súa casa e coa mesma enfermidade?", explicou entón.
No ano 2020, recibiu a medalla Castelao que enrega anualmente a Xunta de Galicia.
A súa despedida será en Allariz, onde naceu e onde vive a súa famila.