Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falecen sete bebés no incendio dun hospital infantil en Nova Delhi

Falecen sete bebés no incendio dun hospital infantil en Nova Delhi

A orixe do lume podería estar na explosión de varios cilindros de gas que había no interior do edificio

G24.gal 26/05/2024 08:57 Última actualización 26/05/2024 09:58

As autoridades indias elevaron a sete o número de bebés mortos no incendio rexistrado preto da medianoite do sábado nun hospital infantil de Nova Delhi, aseguran fontes oficiais.

"Doce bebés acabados de nacer foron rescatados do centro médico, pero sete deles morreron", informou aos medios o xefe do Corpo de Bombeiros de Delhi, Atul Garg.

O ministro de Saúde da capital india, Saurabh Bharadwaj, informara nun principio de seis bebés mortos e un en estado crítico. O suceso tivo lugar nun hospital infantil de Vivek Vihar, un barrio do leste da cidade.

Pola súa banda, o xefe do Goberno de Delhi, Arvind Kejriwal, asegurou que "as causas" están a ser investigadas e "o responsable da neglixencia non se salvará (...) Este é un incidente arrepiante", lamentou.

Segundo os primeiro indicios, a orixe podería estar na explosión de varios cilindros de gas que había no interior edificio, aínda que esta tese non foi corroborada pola policía.

"Houbo unha grande explosión, (...) As enfermeiras saíron pola parte traseira clamando axuda para salvar aos bebés", relatou á prensa unha das testemuñas nos arredores do centro infantil.

As imaxes do día despois dan conta da gravidade do lume. As lapas calcinaron o edificio e os vehículos aparcados á porta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade