Faltan condutores para camións e autobuses malia a elevada demanda
Faltan condutores para camións e autobuses malia a elevada demanda
A Galicia está previsto que cheguen nas vindeiras semanas 200 condutores procedentes do Perú
A falta de condutores para camións e autobuses leva as asociacións de transportistas a buscar estes profesionais mesmo fóra de España. A Galicia, por exemplo, está previsto que cheguen nas vindeiras semanas a través de Apetamcor 200 condutores procedentes do Perú.
Apuntan a complexidade da formación e a falta de remuda xeracional e de subvencións para obter os permisos, como algúns dos motivos que provocan esta situación.
En España faltan condutores de transporte profesional. Unha situación á que Galicia non é allea, que comezou a detectarse hai anos, e que polo de agora parece non mellorar.
Tanto é así que as empresas mesmo decidiron chamar á porta doutros países na procura de condutores. No seu día ao leste de Europa, despois a Marrocos e agora ao Perú.
"Escollemos este país porque ten convenio con España, valídanlle o carné de camión e polo tanto a incorporación ao traballo é máis rápida. Si que é verdade que isto é un parche, temos que buscar unha alternativa moitísimo máis a longo prazo", explica Natalia Blanco Díaz, coordinadora xeral de Apetamcor.
Na provincia de Ourense durante o ano 2022 e o que vai do 2023 expedíronse 770 permisos profesionais, máis do 90 % para camións, o resto para autobuses. Dende as autoescolas apuntan tamén que non é dabondo, a demanda supera con moito a oferta de condutores.
"Case todo o mundo nas autoescolas que temos está xa esperando por un traballo, polo tanto é complicado ata as veces, non recomendar a alguén, senón enviar a calquera porque case todo o mundo está traballando ou sacando o permiso para ir traballar a unha empresa coa que está comprometida", apunta Luís Nóvoa, presidente da Asociación de Autoescolas de Ourense.
Apuntan que hai que facer desta unha profesión atractiva especialmente para a xente nova.
"Que a xente saiba que non hai paro, que vas traballar en canto saques os permisos. Nós consideramos que ten que haber axudas para a xente moza que estea sen traballo, para que poida obter os permisos de conducir xa sexan de camión ou de autobuses." Explica Luís Nóvoa.
A Galicia chegarán nas vindeiras semanas 200 condutores procedentes do Perú. Aquí a media dos profesionais no sector está nos 57 anos.