Publicador de contidos
Publicador de contidos

Isto é o que sobe e o que baixa en 2025: pensións, luz, telefonía e máis

Isto é o que sobe e o que baixa en 2025: pensións, luz, telefonía e máis

Regresa o IVE normal da electricidade e da alimentación

O transporte público continuará bonificado ata metade de ano, con novos abonos a partir de xullo

O salario mínimo interprofesional empezará conxelado en 15.876 euros brutos e as pensións presentarán unha subida do 2,8 %

Foto de aquivo (FREEPIK/NICKEL)
G24.gal 31/12/2024 08:30 Última actualización 31/12/2024 17:04

Este novo ano 2025 arrincará cunha alza das pensións do 2,8 % e o mantemento das subvencións ao transporte público e á compra de vehículos eléctricos, mentres que subirán os prezos das tarifas de telefonía, da factura da luz e dos alimentos ao expirar as rebaixas que viñan gozando, así como dos selos necesarios para o envío de cartas e tarxetas postais.

Infografía de elaboración propia (Berta Ucha) Infografía de elaboración propia (Berta Ucha)

TRABALLO

O salario mínimo interprofesional empezará conxelado en 15.876 euros brutos distribuídos en 14 pagas de 1.134 euros, á espera de que os expertos designados polo Ministerio de Traballo conclúan a súa recomendación de subida.

O mesmo ocorre coa retribución dos funcionarios e empregados públicos, que se manterá conxelada ata que se negocie un novo acordo entre o Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública e os sindicatos.

Tamén se eleva de 1.500 a 2.500 euros a contía total dos rendementos íntegros do traballo, é dicir, que non estarán obrigados a presentar a declaración de Renda aqueles contribuíntes con ingresos de ata 22.000 euros que teñan máis dun pagador sempre que a suma das rendas do segundo ou restantes pagadores non superen os 2.500 euros (ata o de agora eran 1.500 euros).

ELECTRICIDADE

No que se refire á electricidade, a principal novidade que notarán os consumidores será que, a partir do 1 de xaneiro, producirase un regreso permanente ao 21 % no IVE, aínda que se manterá a prohibición de interromper as subministracións de auga, luz e gas para os consumidores vulnerables.

Na parte fixa da factura da luz, os cargos que acorda o Goberno, e que permaneceron rebaixados pola crise enerxética, suben un 33 % para un consumidor tipo e un 39 % en xeral para o conxunto de consumidores. En cambio, as peaxes, a outra parte regulada do recibo que fixa a CNMC, baixan de media un 4,4 %.

Recórtanse os descontos no bono social de electricidade, de maneira que os consumidores vulnerables terán, a partir de xaneiro, un desconto do 50 %, que en xullo baixará ao 42,5 % e se estabilizará no 35 % en xaneiro de 2026. Para os consumidores vulnerables severos, o desconto será do 65 % a partir do 1 de xaneiro, do 57,5 % desde xullo e do 50 % en xaneiro de 2026.

No caso do Imposto Especial da Electricidade (IEE), estableceuse unha regularización, pasando ao 2,5 % durante o primeiro trimestre de 2024 e ao 3,8 % durante o segundo. Para o Imposto sobre o Valor da Produción da Enerxía Eléctrica (IVPEE), estableceuse un tipo do 3,5 % ata marzo, que pasará a ser do 5,25 % ata xuño.

Desta maneira, a partir de 2025, a proporción de vinculación co prezo do pool continuará a súa redución, cunha maior incorporación das referencias dos mercados de futuros, de modo que estes representarán o 40 % a partir deste ano, fronte ao 25 % en 2024.

Pola súa banda, a tarifa de último recurso (TUR) de gas natural individual sen impostos incrementarase a partir do 1 de xaneiro un 10 % con respecto ao prezo establecido o pasado 1 de outubro, debido á chegada do inverno e á incorporación do gas estacional. Mentres tanto, a TUR veciñal incrementará entre un 13,5 % e un 18,3 %.

O prezo da bombona de butano, que en novembro subiu un 4,27 % ata os 16,61 euros, será actualizado novamente o segundo martes de xaneiro.

Por último, prorrógase o plan Moves para a compra de vehículos eléctricos, pilas de combustible e puntos de recarga ata o 30 de xuño, ao mesmo tempo que se mantén a dedución do 15 % no IRPF, ata 3.000 euros, pola compra destes vehículos durante todo o ano.

AUTÓNOMOS

A partir de 2025, os autónomos pagarán cotas mensuais que variarán entre 200 e 590 euros, dependendo dos seus ingresos netos, polo novo sistema de cotización, baseado nos rendementos reais, que empezou en 2023 e implementarase ata 2032. 

No próximo ano, os tramos máis baixos de ingresos (menos de 670 euros ata 1.700 euros mensuais) verán unha redución nas cotas, mentres que os autónomos con rendementos superiores a 1.700 euros pagarán unhas máis altas, alcanzando ata os 590 euros para os ingresos máis elevados, debendo facer a declaración da renda, independentemente dos seus ingresos, todas aquelas persoas que estean dadas de alta como autónomos.

En paralelo, implementarase un aumento no Mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI), cunha subida da cotización do 0,7 % ao 0,8 % en 2025. Este aumento afectará tanto a autónomos como a asalariados, aínda que os empresarios asumirán a maior parte da subida (0,67 %), mentres que os traballadores cubrirán o 0,13 %. Ademais, os autónomos que inicien a súa actividade en 2025 poderán beneficiarse da tarifa plana de 80 euros mensuais durante o primeiro ano da súa actividade.

PENSIÓNS

A subida das pensións será do 2,8 % de acordo coa inflación media entre decembro de 2023 e novembro de 2024, o que suporá uns 600 euros adicionais ao ano para as persoas cunha pensión media de xubilación.

As mínimas subirán o 6 %, unha alza que chegará ao 9,1 % no caso de pensionistas con cónxugue a cargo e de viuvez con cargas familiares e o complemento para a redución da brecha de xénero subirá un 8,1 %, ata 35,9 euros ao mes por fillo.

Por outra banda, as pensións non contributivas e o ingreso mínimo vital (IMV) revalorizaranse un 9 %, co que a renda anual garantida pasará a ser de 7.910 euros.

ALIMENTACIÓN

A rebaixa do IVE aos alimentos básicos, aceite de oliva e pasta e aceites de sementes decaerá segundo o previsto e é que, dende o 1 de xaneiro, subirá do 2 ao 4 % o IVE do aceite de oliva, o pan, o leite, os ovos, o queixo, a froita, a verdura, os legumes e os cereais, mentres que o dos aceites de sementes e a pasta pasará do 7,5 ao 10 %.

Desta forma ponse fin ás rebaixas de IVE para paliar a crise de prezos provocada pola guerra en Ucraína, que levou a inflación dos alimentos ao 16,6 % interanual en febreiro de 2023, máximo que alcanzou e logrou descender ata 1,7 % deste novembro.

Con todo, dende o 22 de decembro está vixente a rebaixa do IVE do 10 ao 4 % do leite fermentado (iogur), tras incluírse na lei do tipo mínimo global para multinacionais coa oposición do Goberno de coalición.

VIVENDA

Mantéñense as deducións no IRPF por obras de rehabilitación enerxética da vivenda e prorrógase a suspensión dos desafiuzamentos por falta de pagamento da renda de fogares vulnerables sen alternativa habitacional.

A vivenda nova viu aumentar un 5,5 % interanual ao peche de 2024 o seu prezo e, segundo un informe de Sociedade de Taxación, este continuará á alza durante o primeiro trimestre de 2025, cun aumento interanual previsto do 5,7 %.

Con respecto ao mercado hipotecario, o euríbor deu un respiro na recta final de ano e pechou novembro no 2,5 %, o que supón o menor nivel para esta referencia dende setembro de 2022, polo que os hipotecados observarán unha substancial rebaixa na súa cota hipotecaria ante a caída do diferencial.

O Panel de Funcas anticipa un descenso adicional dos tipos de intervención do BCE, sendo este un movemento que se reflectiría nos mercados, de modo que o Euribor pecharía o próximo exercicio na contorna do 2,35 %.

TRANSPORTE

O Goberno volveu a prorrogar as axudas ao transporte público, pero só ata xuño de 2025, data a partir da cal se creará un abono único de proximidade de 20 euros para toda España, ao mesmo tempo que se seguirá descontando en, polo menos, un 40 % o transporte autonómico.

Así, durante o primeiros seis meses do ano continuará a gratuidade dos trens de proximidade, Rodalies e Media Distancia, e dos autobuses estatais, así como os descontos mínimos do 50% no transporte urbano e metropolitano (o Estado financia un 30 % e as comunidades e concellos o resto).

A partir de xullo crearase un abono único de proximidade de Renfe para toda España por 20 euros ao mes e de 10 euros para os mozos de entre 15 e 26 anos, mentres que para  os menores de 15 anos, todo o transporte colectivo será gratuíto.

Ademais, por primeira vez, activarase un sistema de descontos de, polo menos, o 50 % para promover o uso da bicicleta compartida durante todo 2025.

AUTOESTRADAS

A Xunta autorizou as bonificacións actuais das peaxes nas autoestradas AG-55 (A Coruña-Carballo) e AG-57 (Val Miñor) para 2025, cunha subida moderada dun 1,7% baseada no IPC interanual. 

Esta subida será mínima, cun incremento de non máis de cinco céntimos por traxecto nalgúns tramos, beneficiando aos case 28.000 usuarios diarios destas vías. 

Tamén soben as peaxes da AP-9.

A Autoestrada do Atlántico subirá de media un 5,34% aínda que pode haber diferenzas de subas en cada un dos treitos. É dicir, falta por concretar cal será a subida específica de cada un deles.

 Cómpre ter en conta as bonificacións para transportes pesados e condutores que realicen 20 ou máis viaxes mensuais.

Pola súa banda, a Autoestrada Central de Galicia, a AP-53, sobe un 3,89%.

TELEFONÍA

Movistar subirá as súas tarifas arredor dun 5 % a partir do próximo 13 de xaneiro, situándose o encarecemento máis habitual arredor dos 3 euros mensuais (36 euros ao ano), aínda que a maioría dos incrementos estarán por baixo dos 6 euros ao mes (72 euros ao ano).

Pola súa banda, Vodafone España aplicará unha subida media do 3 % nas súas tarifas a partir do 1 de xaneiro de 2025 o que suporá un incremento de 1,5 euros de media á base de clientes. 

Sobre iso a teleco especificou que, "como cada ano, de forma automática e transparente", actualizará os seus plans de prezos en función do IPC media, polo que os clientes que teñan un plan móbil verán incrementado o seu prezo mensual en 0,6 euros de media e os que conten con plans combinados en 2,5 euros.

No caso de Orange, marca que está dentro do grupo MasOrange, subirá as súas tarifas un 3 % de media a partir do 27 de xaneiro de 2025, o que suporá un incremento de entre 2 e 6 euros ao mes (entre 24 e 72 euros ao ano), variación que depende do paquete que o usuario teña contratado.

BANCA E SEGUROS

O vindeiro ano fará caer a obriga de que os bancos faciliten o cambio de hipoteca variable a fixa sen gastos bancarios, algo que se impuxo para aliviar a carga da inflación e a subida de tipos nos aforros das familias e, ademais, permitiranse os rescates anticipados das achegas aos plans de pensións de máis de 10 anos de antigüidade.

PAQUETERÍA

Segundo a proposta remitida por Correos á CNMC, o  prezo dos selos para o envío dunha carta ordinaria nacional que pese menos de 20 gramos sobe un 8,54 %, ata 89 céntimos, 7 céntimos máis que no 2024.

Pola súa banda, a carta certificada de menos de 20 gramos custará 5,29 euros, un 8,62 % máis; a carta ordinaria internacional inferior a 20 gramos, 1,85 euros, un 8,82 % máis; e a carta certificada internacional do mesmo peso, 6,8 euros, un 4,62 % máis, nestes dous últimos casos só se o destino é Europa, incluído Groenlandia (excluído Albania, Armenia, Bosnia, Chipre, Xeorxia, Malta, Moldavia e Rusia).

En canto aos paquetes, polo de menos dun quilo pagarase 16,2 euros, un 3,85 % máis, e polo de máis de 20 quilos 45,6 euros, só un 1,45 % máis. O paquete internacional de menos de 5 quilos custará 47,2 euros, un 2,05 % máis.

NOVAS TAXAS 

Durante o 2025 pode entrar en vigor un novo gravame temporal sobre as enerxéticas, que contará cunha bonificación máxima do 60% para as empresas que invistan en actividades de descarbonización e co compromiso de convertelo nun imposto que poidan xestionar as facendas forais, pero cuxa aprobación non está asegurada dada a oposición de grupos como o PNV ou Junts.

Consideraranse como tales aqueles investimentos que sexan "esenciais" para a transición ecolóxica e a descarbonización e que, pola súa magnitude, contribúan ao crecemento económico e o emprego, tales como a produción de hidróxeno renovable ou a transformación de residuos en produtos que teñan unha segunda vida ou en gases renovables, como o biogás.

Pola súa banda, o 1 de abril de 2025 entrará en vigor un novo imposto que se incluíu na reforma fiscal sobre os líquidos para cigarros electrónicos e outros produtos relacionados co tabaco.

REBAIXA DE SOCIEDADES

O vindeiro ano entrarán en vigor tamén novas medidas para evitar o impacto recadatorio que supón a recente sentenza do Tribunal Constitucional que declarou a nulidade parcial da reforma do Imposto de Sociedades que executou o exministro de Facenda do PP, Cristóbal Montoro.

Este reduciuse para as empresas cunha facturación inferior a un millón de euros, de maneira que a base impoñible comprendida ata 50.000 euros terá un gravame do 17 % e o resto da base impoñible terá un tipo do 20 %.

Á súa vez, incrementouse en dous puntos a tributación das rendas de capital superiores a 300.000 euros, pasando do 28 % ao 30 % e se deixaron exentas do IRPF e do Imposto de Doazóns as axudas aos afectados pola DANA, establecéndose un IVE do 0 % para o cambio de vehículo e o arranxo da casa e a extensión a 2025 da exención do IBI e do IAE.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade