Publicador de contidos
Publicador de contidos

Federico X é nomeado rei de Dinamarca apoiado pola súa familia e polo pobo danés

Federico X é nomeado rei de Dinamarca apoiado pola súa familia e polo pobo danés

A raíña Margarida II anunciou por sorpresa a súa retirada tras 52 de reinado

Os actos oficiais tiveron lugar no castelo de Christiansborg en Copenhague

 

Federico X e a súa muller no acto de nomeamento (France Press)
G24.gal 14/01/2024 16:38 Última actualización 14/01/2024 21:34

Federico X de Dinamarca subiu este domingo ao trono, tras a abdicación da súa nai Margarida II. Dende o balcón do castelo de Christiansborg en Copenhague, o novo rei amosou o seu desexo de exercer como aglutinador de todo o país.

"A miña nai foi, como poucos, unha co seu reino. Espero ser un rei unificador", dixo nun breve discurso diante de miles de daneses. Federico estivo acompañado despois pola súa esposa, a raíña María, e os seus catro fillos, encabezados polo novo príncipe herdeiro Cristián.

A subida ao trono de Federico X, aos seus 55 anos, fíxose realidade uns minutos antes nun Consello de Estado tras asinar a declaración de abdicación da súa nai, aos 83 anos. Margarida II anunciou por sorpresa a súa retirada tras 52 de reinado no seu discurso de Fin de Ano, alegando problemas de saúde e a necesidade de deixar paso á nova xeración.

A cerimonia de proclamación comezou ás 15:00 horas (hora local) e durou apenas uns minutos. Seguindo a tradición dende que Dinamarca se converteu en monarquía constitucional en 1849. A primeira ministra, Mette Frederiksen, foi a encargada de facelo, tras darlle as grazas á monarca saínte.

"A súa maxestade Margarida II abdicou. Longa vida á súa maxestade o rei Federico X", repetiu tres veces Frederiksen.

Federico, quen se referiu á súa nai como "unha rexente fóra do habitual", sinalou que precisará do apoio "da miña amada esposa, da miña familia e diso que é máis grande que todos nós".

O discurso do novo monarca rematou coa elección do lema para o seu reinado, unha tradición danesa. "Unidos, comprometidos polo reino de Dinamarca", sucederá o anterior, elixido pola súa nai,  "A axuda de Deus, o amor da xente, a forza de Dinamarca".

Tras este breve discurso, saíron ao balcón a raíña María, seguida dos seus catro fillos: Cristián, de 18 anos, Sabela, de 16, e os xemelgos Vicente e Xosefina, de 12 anos.

Dúas veces saíu a familia real ao balcón entre os aplausos dos miles de daneses que encheron a praza de Christiansborg, ao tempo que axitaban bandeiras danesas. Federico botouse a man ao corazón en sinal de agradecemento, e mesmo se bicou coa raíña.

Os novos reis abandonaron o castelo en carroza, a mesma que horas antes ocupara a súa nai para dirixirse a Christiansborg.

Os actos oficiais do día pecharanse coa transferencia de estandartes reais do palacete de Cristián IX, residencia da monarca saínte, ao de Federico VIII, onde viven os novos reis, separados entre si  por apenas uns centos de metros.

900 anos dende a última abdicación

Desde que Dinamarca se converteu en monarquía hereditaria, só hai un caso precedente de abdicación, a do rei Erico III, que abandonou o trono para retirarse a un mosteiro.

A subida ao trono de Federico X foi saudada por outras casas reais, entre elas, a española. Os reis Felipe VI e Letizia felicitaron por carta con "o maior afecto persoal" e "os mellores desexos" ao novo monarca.

O rei Harald V fixo o propio nas redes sociais da Casa Real norueguesa e ás felicitacións uníronse tamén Carlos XVI Gustavo de Suecia e Carlos III de Inglaterra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade